O pavillón municipal do Chanto, en Sarria, conta cun novo tapiz de ximnasia rítmica
O vicepresidente da Deputación de Lugo e portavoz do BNG en Sarria, Efrén Castro, achegouse a unha das sesións de adestramento do Club Rítmica Atalaia no pavillón municipal do Chanto, en Sarria, recentemente equipado cun tapiz de ximnasia rítmica, propiedade do propio club.
O equipamento, de 14 metros por 14 metros, seguindo as medidas regulamentarias para a competición, foi adquirido polo Concello de Sarria, co financiamento da área de Deportes provincial que achegou 6.000 euros (dun importe total de 8.000 euros).
Efrén Castro enmarcou a achega “na colaboración que a área de Deportes mantén cos clubs e entidades deportivas para fomentar o deporte de base, con distintas liñas de apoio á actividade competitiva, pero tamén con outros investimentos que completan e melloran os equipamentos dispoñibles”, e destacou “a importancia dun tecido deportivo diverso que abra o abano de alternativas que as nenas e nenos teñen para realizar actividade física no seu entorno”.