O pavillón polideportivo da Pobra de San Xiao será renovado con máis de 145.000 euros

SarriaXa
A actuación permitirá arranxar a cuberta e renovar a iluminación dunhas instalacións con preto de trinta anos de antigüidade
pavillón-polideportivo-Láncara
17 Mar 2026

O pavillón polideportivo da Pobra de San Xiao será obxecto dunha intervención de mellora tras a adxudicación dun proxecto cun orzamento total de 145.336 euros. A maior parte do financiamento procederá da Deputación Provincial de Lugo, que asumirá o 95% do investimento, mentres que o Concello achegará a contía restante.

As obras contarán cun prazo de execución estimado de tres meses. Con todo, segundo establecen os pregos de licitación, os traballos deberán desenvolverse durante o período non lectivo, polo que a súa realización está prevista para os meses de verán.

Estas instalacións deportivas, que levan arredor de tres décadas en funcionamento, son utilizadas habitualmente polo alumnado do colexio da localidade, polo equipo municipal de fútbol sala e tamén para a celebración doutras actividades deportivas e sociais.

O Concello sacou a contratación esta actuación e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o día 6 de abril a través da plataforma Silex da Consellería de Facenda.

Entre as intervencións previstas destaca a reparación da cuberta do edificio e a instalación dun novo sistema de iluminación. A actuación pretende resolver os problemas actuais de filtracións e humidades, así como o deterioro que presenta o tellado. A cuberta actual, formada por chapa metálica, presenta signos de oxidación que están a provocar a entrada de auga no interior do inmoble.

Para solucionar esta situación, substituirase o tellado por paneis tipo sándwich. Ademais, procederase á impermeabilización dos canalóns e á revisión das baixantes e dos codos, substituíndo aquelas pezas que se atopen danadas.

O proxecto inclúe tamén a renovación completa da iluminación do pavillón, xa que as luminarias actuais, compostas por tubos fluorescentes e proxectores de halogenuros metálicos, non se axustan aos estándares actuais de eficiencia enerxética. En total instalaranse 57 novas luminarias distribuídas entre a pista deportiva, os corredores, os vestiarios e outros espazos do recinto.

0.1168909072876