O Plan Básico de Triacastela inicia o período de exposición pública
O Diario Oficial de Galicia recollía este venres o inicio do período de exposición pública do Plan Básico de ordenación municipal de Triacastela, para a presentación das posibles alegacións.
Durante un prazo de dous meses, as persoas interesadas en revisar o documento poderán facelo, con cita previa, no Concello de Triacastela ou no servizo provincial de Urbanismo da xefatura territorial de Lugo. O plan estará dispoñible tamén para consulta telemática na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
As alegacións poderán presentarse no rexistro xeral da Xunta, noutros rexistros habilitados ou a través do enderezo electrónico sxurb@xunta.gal.
O Concello de Triacastela adiantou a intención de organizar reunións cos veciños para achegarlles o contido do documento e facilitar a presentación das alegacións que corresponda.
CONCELLOS SEN ORDENAMENTO
Triacastela é, desde o pasado mes de febreiro, o segundo concello galego de menos de 5.000 habitantes que conta cun Plan Básico de Ordenación Municipal, despois do do Páramo, que contaba con esta ferramenta desde o pasado decembro.
Os plans básicos municipais están pensados para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes que non dispoñen de planeamento xeral, como acontece con Triacastela. Esta ferramenta estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística, que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.
Ademais do Páramo e Triacastela, outros tres concellos da provincia -Ribeira de Piquín, Riotorto e Trabada- avanzan na redacción dos seus documentos de ordenamento, que se prevén aprobar inicialmente no primeiro semestre deste ano.