O Plan Director chegou en 2025 a máis de 26.500 participantes de 156 centros educativos da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A ciberseguridade, o acoso escolar e as adiccións centraron boa parte das charlas impartidas pola Garda Civil e a Policía Nacional en colexios e institutos
reunion-plan-director-olimpia
10 Mar 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu na Subdelegación a Comisión Provincial para facer balance do desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas na provincia.

A subdelegada destacou a importancia deste programa e agradeceu a implicación dos axentes formadores “que se desprazan a distintos centros de ensino para previr algunhas das cuestións que nos preocupan a todas e todos, como o bo uso das novas tecnoloxías, o ciberacoso ou a violencia de xénero”. Engadiu neste senso que esta iniciativa que forma parte da estratexia preventiva do Ministerio do Interior, a través da Secretaría de Estado de Seguridade, “permite reforzar a prevención fronte a riscos que afectan á mocidade, ao tempo que promove valores de convivencia e respecto”.

Durante o encontro, analizáronse os resultados das actividades realizadas ao longo de 2025 pola Garda Civil e pola Policía Nacional nos centros educativos lucenses, así como a evolución deste programa de prevención e sensibilización dirixido ao alumnado, ás familias e ao profesorado.

Segundo o balance correspondente a 2025, o programa contou coa participación de 156 centros educativos da provincia e desenvolveu accións formativas e preventivas que chegaron a 26.518 persoas entre alumnado, profesorado e familias. En concreto, asistiron ás actividades 24.399 estudantes, ademais de 1.587 docentes e 532 familiares.

Durante ese período realizáronse na provincia 783 intervencións entre conferencias e actividades complementarias, centradas principalmente na prevención do acoso escolar e do ciberacoso, no uso seguro das tecnoloxías e na ciberseguridade, así como na prevención das adiccións, a violencia de xénero ou os delitos de odio.

Os datos amosan tamén a consolidación progresiva deste programa educativo e preventivo na provincia. No último ano incrementáronse o número de actividades respecto a exercicios anteriores, mantendo unha tendencia de crecemento tras a recuperación da actividade nos centros educativos.

Na reunión tamén se abordou o desenvolvemento do Plan Director no actual curso académico. Durante o primeiro trimestre do curso 2025-2026, participaron xa 135 centros educativos da provincia, cun total de 9.108 asistentes, a maioría alumnado, o que confirma a continuidade das accións de sensibilización e prevención que desenvolven as forzas e corpos de seguridade nos centros educativos lucenses.

0.11343193054199