O plan integral de recuperación da zona do Chanto levarase a cabo a pesar da negativa de Camiña Sarria
Os grupos municipais de Sarria apoiaron as dúas propostas do goberno local que presentaron durante o pleno do Concello, unha para pedir unha segunda ambulancia e a outra para que os propietarios da Fortaleza permitan o acceso de visitas a este BIC.
Pola súa parte, o PSOE propuxo que mentres a Xunta non lle conceda ao Concello a segunda ambulancia, firme un convenio coa Cruz Vermella para que esta entidade lle facilite este servizo; unha iniciativa que foi apoiada polo PP.
Con respecto á Fortaleza, todos amosaron a súa conformidade en esixir que o público poida visitar esta construción de forma gratuíta e o BNG, ademais, pediu que as administracións se poñan de acordo para que este Ben de Interese Cultural sexa un ben público.
Por outra banda, o PP presentou a súa moción instando a que o goberno local realice un plan integral de recuperación da zona do Chanto que foi apoiada por todos os partidos políticos menos o de Camiña Sarria, que explicou que a presa está rota desde 2011 e que a CHMS non permite actuar sobre a terraza apuntalada por estar en zona de “servidume”.
Con respecto á sanidade, despois da concentración que tivo lugar o pasado venres diante do centro de saúde de Sarria, promovida polo BNG, leváronse mocións ao pleno pedindo que se cubran as prazas de persoal médico do centro sanitario, mocións que foron apoiadas tamén por unanimidade.