O Pleno da Deputación acorda reclamar á Xunta que asuma o seu compromiso coas persoas maiores

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A institución provincial instará tamén ao Goberno autonómico a garantir a atención ás persoas con problemas de saúde mental
pleno-deputacion-tome
27 May 2025

O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes reclamar á Xunta de Galicia que asuma o seu compromiso coa atención ás persoas maiores da provincia tras 15 anos de abandono. Na sesión ordinaria do mes de maio celebrada esta mañá púxose de manifesto que é a institución provincial a que está a cubrir as necesidades do territorio en materia de residencias e nese sentido, os grupos políticos acordaron demandar ao Goberno galego que se faga cargo das súas responsabilidades nesta materia. A iniciativa do Goberno saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.

En referencia ás 24 residencias que anunciou o presidente da Xunta, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reclamou antes da sesión plenaria que se destinen “como mínimo” seis centros á provincia, que son os que lle correspondería por criterios de proporcionalidade territorial. Apuntou ás declaracións de Rueda para criticar que a provincia de Pontevedra vaia ser a maior beneficiaria dese reparto, explicando que “a provincia Lugo ten menos poboación e polo tanto interesa menos ás empresas privadas. As Administracións temos que chegar onde non chegan as empresas privadas, e garantir a igualdade de oportunidades e servizos aos cidadáns con independencia de onde residan”. Propuxo ademais a colaboración institucional para coordinar a situación das novas residencias na provincia, para atopar os concellos máis axeitados e onde poidan prestar un mellor servizo.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, lembrou que “Galicia está á cola do Estado en canto a prazas públicas en residencias de maiores, cunha porcentaxe do 41%, fronte a unha media estatal que supera o 60%, e cun déficit estimado de 14.000 prazas”, segundo os informes da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. “Somos nós, os gobernos progresistas, os que estamos a atender as demandas dos concellos e dos nosos maiores, cubrindo as carencias da Xunta de Galicia en materia asistencial”, subliñou. Incidiu que nos últimos anos a Deputación abriu nove residencias nos concellos da Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Trabada, Castroverde, Ribadeo, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, “achegando máis de 300 prazas públicas, mentres que o Goberno galego non incorporou ningunha”.

Indicou a deputada na súa intervención que Rueda aposta por seguir o modelo provincial: centros de pequeno tamaño, próximos ao lugar de residencia das persoas usuarias, “algo que garante a súa calidade de vida e facilita a conciliación das súas familias”.

Saúde Mental

O Pleno tamén sacou adiante, malia os votos en contra do PP, unha moción socialista instando á Xunta a garantir a atención ás persoas con problemas de saúde mental. “Hai 1.000 lucenses que levan máis de 6 meses esperando por unha cita co especialista, son dous terzos do total dos pacientes galegos en longa espera”, sinalou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen defendeu a iniciativa na que reclama ao Goberno galego máis persoal, investimentos e a redución das listas de agarda.

Indicou que, en decembro do ano pasado, “en Galicia había 9.390 persoas agardando por unha primeira consulta de saúde mental, cunha media de espera de 87 días, o dobre que antes da pandemia”. Segundo explicou García Porto, na provincia de Lugo a situación é aínda máis crítica, tanto pola elevada taxa de suicidios -16 casos por cada 100.000 habitantes- como pola limitada dispoñibilidade de recursos, xa que, aclarou, “a provincia só dispón de tres centros de atención en saúde mental, que están situados en Lugo, Monforte de Lemos e Burela”.

O texto da moción aprobada reclama ademais que a Xunta garanta os investimentos comprometidos no Plan de Saúde Mental de Galicia; impulse a contratación de psicólogos clínicos e persoal de apoio para reforzar os Centros de Saúde Mental; e adoite medidas para reducir as listas de espera, incluíndo a posta en marcha dunha liña de atención rápida para os casos máis graves, especialmente aqueles con risco potencial de suicidio.

O PP denuncia que PSOE e BNG seguen abandonando aos maiores da provincia

“PSOE e BNG seguen a negar a atención prometida aos veciños da provincia”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, despois de ver como tanto PSOE como BNG votaron en contra de poñer en servizo as 153 prazas de atención a maiores nos oito centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) que están pechados desde 2019.

Antonio Ameijide recorda como esas 153 prazas comprometidas e que non se poñen en servizo “son un servizo fundamental para garantir a conciliación de moitas familias lucenses":

  • Trabada, 20 prazas, sen poñer en servizo dende o ano 2019
  • Pol, 18 prazas, sen poñer en servizo dende o ano 2019
  • A Fonsagrada, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2020
  • Castroverde, 24 prazas, comprometidas dende o ano 2021
  • Pedrafita do Cebreiro, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2021
  • Navia de Suarna, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2021
  • Meira, 20 prazas, comprometidas dende o 2021
  • Ribas de Sil, 11 prazas, comprometidas dende 2023

Antonio Ameijide recorda que estes centros de día provinciais deberían de terse posto en funcionamento ao mesmo tempo que as residencias, algo que non se produciu “provocando un prexuízo a toda a provincia xa que se trata dun servizo prometido e comprometido por PSOE e BNG que negan a toda a veciñanza”.

Unha situación que supón que estas infraestruturas construídas con recursos públicos leven anos infrautilizadas; xa que, se ben foron concibidos para acoller residencias e centros de día, a día de hoxe seguen sen prestar este último servizo.

Antonio Ameijide lamenta que “os centros de día sigan sen abrirse” xa que se trata dun servizo “que tería un custo mínimo para as arcas provinciais”. “O custo para a Deputación sería mínimo, pouco máis do actual porque a calefacción é a mesma, a luz tamén, os gastos de funcionamento os mesmos e case todo o persoal sería o mesmo, polo que non falamos dun problema económico, senón dunha falta total de vontade política de PSOE e BNG”, denunciou.

O BNG insta á Xunta de Galicia a manter a moratoria do eucalipto

O BNG sacou adiante no pleno provincial unha moción na que insta á Xunta de Galicia a manter a moratoria do eucalipto ata 2030. A deputada Iria Castro defendeu a iniciativa, que reclama á Xunta de Galiza unha xestión activa do monte que garanta a creación de riqueza e emprego no país.

“O BNG non está en contra do eucalipto, pero non podemos camiñar cara un sector forestal que dependa exclusivamente desta especie, porque iso podería supoñer unha baixada do prezo e un perigo no caso dunha praga similar á que sufren agora os piñeiros”, explicou.

A deputada nacionalista lembrou que “Galicia acumula o 50 por cento das cortas de eucalipto do Estado, pero só un 13 por cento da facturación e do emprego”, poñendo negro sobre branco as eivas da política forestal da Xunta de Galiza.

“O que pedimos con esta moción é que se poñan en marcha os mecanismos xa establecidos nas normas e nos plans estratéxicos deseñados pola propia Xunta de Galiza e se mire dun xeito positivo e innovador para o sector forestal”, concluiu a deputada.

A moción, aprobada cos votos de BNG e PSdG, contempla o mantemento da moratoria do eucalipto no marco doutras demandas para desenvolve un monte funcional e que xere riqueza e emprego , apostando pola ciencia a e innovación para solucionar problemas como de sanidade vexetal como a mancha do piñeiro e por actividades económicas que pechen o ciclo produtivo da madeira no país.

 

⚙ Configurar cookies
0.13541507720947