O Pleno da Deputación reclamará á Xunta un plan de apoio ás mulleres do rural

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Ademais a institución provincial pediralle á Xunta de Galicia medidas de fomento do uso do galego ante o “fracaso da actual política lingüística"
tome-e-efren-pleno-deputacion
29 Out 2024

A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de apoio ás mulleres do rural centrado en adoptar medidas que favorezan a conciliación, a formación e o emprendemento feminino. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de outubro celebrado este martes no Pazo de San Marcos, tras a moción do PSdeG, que foi aprobada cos votos a favor dos socialistas, do BNG, e coa abstención do PP.

O presidente, José Tomé Roca, argumentou antes da sesión plenaria que “a Xunta de Galicia ten o rural abandonado, sen políticas de axudas para que a muller quede e teña a oportunidade de crear o seu propio ciclo vital no rural, tanto de traballo como para ter unha familia se o desexa. Iso preocúpanos porque hai datos que indican que as cidades máis grandes crecen a costa das pequenas, pero sobre todo a costa das mulleres, e iso é unha moi mala noticia”.

Nese sentido explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que Lugo perdeu uns 100.000 habitantes nos últimos 50 anos e que desde o 2008, unha media de 1.700 mulleres mudan de residencia dentro da provincia. Un movemento que, en xeral, se produce desde os núcleos rurais de menor tamaño cara as cidades máis poboadas. “Os expertos aseguran que de cada tres persoas que hoxe abandonan o rural no noso país, dúas delas son mulleres”, expuxo.

Concellos como Navia de Suarna ou Cervantes perderon case a metade da súa poboación feminina en 20 anos; e outros como As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, O Incio, Muras ou Pobra do Brollón entre un 40 ou 45%. E outros como Portomarín, Ribas de Sil, Mondoñedo, O Saviñao ou Antas de Ulla viviron neste tempo un descenso da poboación feminina superior ao 30%. “Só os concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Burela, Foz, Ribadeo e Sarria viron incrementada esta porcentaxe”, destacou a deputada.

“Dende o Grupo Provincial Socialista de Lugo vimos denunciando de xeito reiterado que o deterioro dos servizos públicos no rural afecta de xeito preferente ás mulleres. E que se converte nun factor que incentiva o despoboamento, porque unha familia non pode vivir sen médico, ou conformar cunha escola mal dotada”, argumentou García Porto. Defendeu que desde a Deputación de Lugo “vense desenvolvendo accións de apoio ás mulleres do rural, tanto no eido de impulsar servizos sociais como as residencias de persoas maiores, como no que ten que ver coas medidas de formación e apoio ás emprendedoras do rural”, ao tempo que lamentou a “falta de interese e o abandono da Xunta”.

O texto da moción aprobada reclama, neste sentido, un impulso ao desenvolvemento dos servizos públicos no rural, en plena igualdade coa carteira de servizos que se poñen a disposición da veciñanza nas cidades; o desenvolvemento dunha rede de escolas infantís públicas que facilite a conciliación familiar; unha liña de investimentos e créditos específica, destinada a facilitar a innovación ou a modernización das iniciativas xa atendidas por mulleres; o deseño de cursos de formación deseñados en clave de xénero; garantir aos concellos os medios suficientes para que os servizos de prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas se desenvolvan con plenitude no rural.

Medidas de fomento do uso do galego

O Pleno tamén sacou adiante unha proposta de Goberno e outra moción do PSdeG encamiñadas a pedirlle á Xunta de Galicia medidas de fomento do uso do galego ante o “fracaso” da actual política lingüística. Ambas iniciativas saíron adiante cos votos a favor dos socialistas, do BNG, e coa abstención do PP.

Segundo valorou Tomé Roca, “sobran argumentos para defender que a política lingüística da Xunta de Galicia é nefasta. Os galegofalantes baixaron enormemente e non o dicimos nós, o di un organismo propio da Xunta de Galicia”. García Porto fixo referencia aos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) que amosan que nos últimos 20 anos a porcentaxe de xente que só falaba galego caeu do 43% ao 24%. E que a falta de uso e coñecemento dos nenos e nenas entre os 5 e os 14 anos resulta “especialmente preocupante” porque o 32,44% di saber falar “pouco ou nada na súa lingua”.

Co acordo adoptado no Pleno, a institución provincial esíxelle, entre outras cuestións, ao Executivo autonómico que derrogue do decreto 79/2010 e que aprobe un novo texto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas; asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos; recuperar o papel normalizador da TVG; fortalecer o sistema literario e editorial; ou apostar por unha oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública.

Granxa de Porco Celta na Gayoso Castro

O Pleno tamén sacou adiante por unanimidade unha proposta de modificación do Orzamento 2024, vía suplemento de crédito, por un importe de 1.057.404,26 euros para poder levar a cabo a construción dunha explotación de Porco Celta na Granxa Gayoso Castro. Esta dotación, que anunciara o presidente hai apenas unhas semanas, farase con cargo á liquidación positiva, ingresada en agosto, do exercicio 2022.

Así o informou na sesión da mañá a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, que recordou que este proxecto da institución provincial terá o obxectivo de fortalecer o sector primario e a formación, e contribuirá a manter “un rural vivo e dinámico”.

Violencia machista

O BNG tamén sacou adiante unha moción para reclamar á Xunta de Galiza compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención ás vítimas da violencia machista.

Coincidindo coa tramitación no Parlamento dos Orzamentos para 2025, o BNG demanda ao goberno galego unha partida singularizada para dotar o servizo de atención primaria dos recursos e persoal necesario para prestar asistencia psicolóxica ás vítimas de violencia machista e un incremento da partida destinada ao Centros de Información á Muller, que cubra a ampliación desta rede de centros na provincia de Lugo.

Ademais, a moción urxe á Xunta de Galiza a rectificar a decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual, cuxa apertura se anunciou para o último trimestre do ano e que, no caso de Lugo, se ubicará no Hula.

Iria Castro advertiu que a privatización destes centros suporá unha precarizarizacion da atención ás vítimas e dos postos de traballo. “Se é negocio para alguén, non é un servizo”, concluíu a deputada nacionalista na exposición da proposta, que saiu adiante cos votos do PSdG.

0.16825318336487