O pleno de fin de ano en Sarria reclama máis persoal no centro de saúde

O último pleno do Concello de Sarria do ano 2025 iniciou a sesión coa aprobación dunha modificación das mesas electorais, unha proposta que saíu adiante cos votos favorables de todos os grupos políticos agás o Partido Popular, que se abstivo. Na mesma sesión tamén se deu luz verde a varios expedientes de desafección de camiños, neste caso coa unanimidade de todas as forzas representadas na Corporación.
Despois, someteuse de ao Pleno a proposta do PP de apoio aos autónomos, que quedara enriba da mesa no anterior pleno por non chegar a un acordo, e finalmente quedou rexeitada co voto en contra dos grupos municipais do BNG e PSOE e a abstención de Camiña Sarria.
A continuación, o BNG levou ao pleno unha moción na que reclamaba o aumento do persoal de Pediatría no centro de saúde de Sarria, ao considerar que só hai unha pediatra en activo e que esta situación está a xerar queixas entre as familias. O portavoz nacionalista, Efrén Castro, explicou que a súa formación recolle esas demandas da veciñanza e advertiu de que unha problemática semellante se está a producir tamén na Atención Primaria.
A moción contou co apoio do PSOE, do partido de Goberno Camiña Sarria e tamén do PP. Desde o grupo socialista, o seu portavoz, Benjamín Escontrela, reforzou os argumentos expostos polo BNG achegando datos relativos ás cartillas sanitarias dos nenos e nenas, que evidencian, segundo explicou, unha sobrecarga asistencial no centro de saúde.
Pola súa banda, o Partido Popular apoiou igualmente a iniciativa, aínda que matizou que en Sarria existen dúas prazas de Pediatría, unha delas ocupada e outra vacante tras unha xubilación. Desde o PP sinalaron que a praza non se cubriu porque a lista de contratación está baleira e non hai pediatras dispoñibles, defendendo así a actuación da Xunta. A pesar diso, recoñeceron o esforzo que están a realizar os profesionais sanitarios e subliñaron a necesidade de cubrir a praza canto antes, motivo polo que votaron a favor da moción. Ademais, engadiron que a situación da sanidade non é un problema exclusivo de Sarria nin de Galicia, senón unha cuestión de ámbito estatal.
Por outra banda, desde o PP de Sarria, reiteraron a necesidade de instar a ADIF para que repare os desperfectos ocasionados e os problemas de acceso no barrio da Estación de Oural, pediron mellorar a seguridade viaria elevando tamén o paso de peóns situado na entrada a Sarria dende Samos, de titularidade municipal.
O pleno rematou cun encontro distendido no que o Goberno local ofreceu uns pinchos a todos os membros da Corporación municipal para despedir o ano de maneira conxunta.