O pleno de Samos conclúe coa adxudicación de áreas de goberno e a confrontación coa oposición
O pleno do Concello de Samos conclúe coa distribución das Concellerías de Goberno, distribuídas entre o BNG e o PSOE, que determina que a área de Servizos Sociais sexa labor de Nagari López, Urbanismo e obras de José Antonio García, Medio rural de José Manuel Campo e Cultura, Deporte e Turismo de José Manuel López Préstamo.
Ademais, o goberno, conformado por cinco persoas, cobrará o mesmo que o anterior, 60.000 euros, que terá unha dedicación exclusiva e dúas parciais.
Por outra banda, o pleno estivo marcado pola actuación dos catro concelleiros do Partido Popular de Samos, que quedaron de pé durante o pleno despois de criticar non poder sentarse xuntos na mesa en forma de U que caracteriza a casa consistorial de Samos, a pesar de que a alcaldesa, Chus López, lles dera alternativas.
A nacionalista defende que a mesa en forma de U é unha constante no Concello de Samos, que na anterior lexislatura tamén estaba así disposta e que, en varias ocasións, tivo que sentarse fronte aos seus compañeiros e non ao seu lado, cando formaban parte da oposición.
Isto é xusto o que denuncian os populares de Samos, que non puideron sentarse os catro xuntos durante a reunión, a pesar de que no pleno anterior xa se sentaran separados, dous dun lado e dous doutro.
Explicación e alternativas
"O sitio é pequeno e estamos todos xuntos. Normalmente, no centro da mesa tense que sentar o representante da Alcaldía, no meu caso, eu, e a un lado meu estaban os concelleiros do PSOE e a o outro lado, os concelleiros do BNG. Entón, quedaban catro sitios libres, dous a un lado e dous ao outro, pero non se quixeron sentar separados", argumentou a alcaldesa, Chus López.
Así, os populares solicitaron á secretaría un informe ao respecto e ameazaron con que "se o goberno local non facilita outra alternativa, estudarán as accións xurídicas oportunas”. Porén, a alcaldesa defende que ela lles deu alternativas, como que a secretaria se sentara ao lado deles e que os catro concelleiros populares se sentaran na mesa desta, que hai diante da mesa de U, "pero non lles valeu", explica López.
A isto, o grupo popular respondeu que "ademais de que a mesa da secretaria é máis pequena, atópase a un nivel máis baixo que o resto dos escanos porque está fóra da tarima”. É dicir, “non estariamos nas mesmas condicións que o resto de grupos con representación no Pleno; cando teriamos preferencia por ser a lista máis votada”, criticaron.