O pleno de Samos non aproba as dúas mocións presentadas, de novo, polo Partido Popular

SarriaXa
Desde a Alcaldía defenden que estase a facer moito traballo por mellorar o Concello e asentar poboación
concello-samos
7 Jun 2024

O pleno de Samos deste venres deixou aprobadas as contas do exercicio 2023, e o PP levou dúas mocións que xa presentara anteriormente, así como presentou diversas preguntas ao Concello.

O tema central foi o SAF, xa que desde o Partido Popular volven insistir en que “dende o Grupo do Partido Popular temos advertido en varias ocasións publicamente das queixas que nos trasladan os usuarios e usuarias sobre a non cobertura dos días de libre disposición ou das baixas das traballadoras”.

Porén, desde o Goberno local reiteran que non existe un problema con este servizo, xa que os días nos que non está unha traballadora, está a outra, e ás familias “dáselle a opción de que esa traballadora dispoñible atenda á persoa que o necesita ou, pola contra, non vaia esa hora e non se lle cobre o servizo”, explica a alcaldesa.

Por outra parte, o portavoz popular, Miguel Gallego, acusa ao Goberno local de non solucionar a aportación dos equipos de traballo aos traballadores municipais que antes aportaba o Concello”, ao que a alcaldesa respondeu que se vai facer agora en xuño.

Ademais, o PP criticou que o Goberno local rexeitara a moción da traída e saneamento da aldea de Lamartín, Vilaceite e Lourido pequeno, ao que respondeu a rexedora que “é un tema complexo e que leva tempo estudalo, porque leva moitos anos da mesma maneira, con queixas de veciños, polo que é un problema herdado do anterior Goberno” e queren facelo ben.

Finalmente, outra iniciativa dos populares foi sobre o asfaltado do acceso a Lulle, que foi tamén rexeitada, xa que desde o Goberno local defenden que hai outras estradas e vías que necesitan ser arranxadas. “Temos que establecer prioridades porque a situación das estradas cando chegamos era un desastre”, sostivo Chus López, alcaldesa de Samos.

Desde a Alcaldía defenden que estase a facer moito traballo por mellorar o Concello e asentar poboación, como pedir subvencións para o programa de conciliación para as familias, o servizo de madrugadores, o plan Corresponsables, tamén conseguiron que se estea instalando a fibra óptica, promoveron que os veciños puideran facer a declaración da renda no Concello, que puideran facer trámites… así como tamén están a promocionar o Concello a través do sector do turismo cos Cantos de Taberna, a Festa da Castaña… E finalmente, din que están arranxando os accesos aos núcleos de poboación, pero pouco a pouco e empezando polos que peor están.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15238904953003