O Pleno de Sarria acorda defender aos afectados da liña de evacuación enerxética
O proxecto para crear unha liña de alta tensión que pasará por Sarria e que evacuará a enerxía de cinco parque eólicos centrou o pleno do mes de maio na localidade.
Á sesión plenaria acudiron os membros da plataforma de afectos pola LAT de 220.000 voltios de PE Chao do Marco-SE Belesar e SEC Soilán que viron como saía adiante unha moción dos tres grupos da oposición (PP, PSOE e BNG) instando ao Concello a defender os intereses dos máis de 500 afectados por esta liña de alta tensión ten previsto pasar por riba dos edificios.
Pídese por tanto que a liña cambie o trazado para evitar os núcleos de poboación polo que os concelleiros da oposición votaron en bloque para que o Concello presente alegacións e mesmo aportan a idea de soterrar a liña, ademais de pedir un estudo de impacto ambiental.
Camiña Sarria abstívose na votación alegando que non ten capacidade de actuación aínda que apoiou un cambio de trazado.
No Pleno tamén se aprobou unha moción do BNG para reclamar o pago aos clubs deportivos das subvencións de 2023. Alegou o alcalde que estas axudas non se poden incorporar ao orzamento, que está prorrogado, pero que habilitará unha partida para que se faga efectivas, aínda que se cobrarán máis tarde que as deste ano.
Tamén se aprobou, a instancias do PP, a proposta para estudar as necesidades das infraestruturas deportivas para corrixir as deficiencias detectadas.
Houbo unanimidade na proposta de Camiña Sarria para pedir á Xunta que devolva ao INSS o antigo centro de saúde, punto que xerou de tódolos xeitos un debate. O obxectivo do equipo de Goberno é mercar o inmoble, que está en estado de abandono.
Non foi aprobada a alegación aos prezos públicos da residencia de maiores.