O pleno de Sarria aproba as mocións que levaron BNG e PP

SarriaXa
O pleno aprobou por unanimidade unha moción para recuperar o parque das Ínsuas e tamén saíu adiante a iniciativa do BNG para arranxar as pistas do Chanto
Parque-das-Ínsuas-Sarria
26 Sep 2025

O pleno municipal de Sarria acolleu unha sesión cargada de asuntos de interese local na que se aprobaron as catro mocións presentadas, dúas do Bloque Nacionalista Galego e dúas do Partido Popular, cun amplo respaldo dos diferentes grupos.

O BNG levou a debate unha moción sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto, reclamando unha política de prevención eficaz e unha xestión integral do medio. A iniciativa recibiu o apoio de todos os grupos, agás o PP, que defendeu a actuación da Xunta durante a crise incendiaria e votou en contra.

Tamén os nacionalistas presentaron unha proposta para reclamar o arranxo das pistas de tenis e doutros equipamentos deportivos situados no Chanto. O texto saíu adiante co apoio unánime da corporación, incluído Camiña Sarria, que recoñeceu a relevancia da zona. O concelleiro de Deportes, Borja García, lembrou que xa se fixeron intervencións neste espazo, pero advertiu de que unha recuperación integral superaría os 300.000 euros, polo que se comprometeu a buscar financiamento da man da Xunta e da Deputación. O PSOE, aínda que votou a favor, advertiu que non chega con lembrar o traballo feito senón que cómpre actuar canto antes.

Pola súa parte, o PP levou ao pleno unha moción para mellorar as estradas municipais, que foi aprobada con apoio de nacionalistas e socialistas. O BNG subliñou que Sarria é un dos concellos con máis quilómetros de vías da provincia, pero infrafinanciado, o que dificulta o seu mantemento. O PSOE incidiu na necesidade dun plan progresivo de mellora da seguridade viaria, con seguimento e avaliación, sobre todo nas vías de acceso aos núcleos rurais. O alcalde, Claudio Garrido, mostrouse de acordo coa proposta, pero lembrou os elevados custos, poñendo como exemplo a estrada de Vilamaior a Oural, cun investimento de 370.000 euros. Ademais, recordou que o Concello recibe 570.000 euros anuais da Deputación a través do Plan Único, do que un 60 % debe destinarse a infraestruturas viarias, e advertiu da dificultade de elaborar un plan sen técnicos propios, xa que contratarlos externamente supón un gasto elevado. Finalmente, a moción foi aprobada por unanimidade.

A cuarta moción tratou sobre o parque das Ínsuas, que presenta un evidente estado de deterioro. O PP denunciou que a fonte ornamental está sen uso e chea de maleza, que a senda peonil é utilizada por vehículos malia a prohibición e que os elementos do parque amosan abandono. BNG e PSOE apoiaron a iniciativa, coincidindo en que o parque é moi utilizado e debe ser prioritario na conservación municipal. Os socialistas engadiron que cómpre mellorar tamén a parte arbórea e intensificar a limpeza. Nacionalistas e socialistas advertiron ademais da necesidade de concienciar a cidadanía contra o vandalismo. Pola súa banda, Camiña Sarria votou a favor, aínda que advertiu de que o custo da reparación da fonte ornamental equivalería ao mantemento de cinco parques. A moción foi aprobada por unanimidade.

⚙ Configurar cookies
0.085258960723877