O Pleno de Sarria aproba máis de 750.000 euros en modificacións de crédito

SarriaXa
O goberno local de Camiña Sarria sae adiante en solitario mentres a oposición se abstén e critica a falta de previsión e a renuncia a fondos provinciais
imaxe-do-salón-de-plenos-de-Sarria
1 Aug 2025

O Concello de Sarria vén de aprobar modificacións orzamentarias por un importe superior aos 750.000 euros, nun pleno marcado polo desacordo político e os reproches entre o goberno local e a oposición. As modificacións saíron adiante co único apoio do executivo de Camiña Sarria, mentres que os grupos da oposición —PSOE, PP e BNG— optaron pola abstención.

Unha das partidas, arredor de 200.000 euros, destinarase a cubrir a achega municipal ao convenio coa Xunta de Galicia para mellorar as instalacións do campo de fútbol de A Ribela. A segunda modificación, por valor de 550.000 euros, agrupa distintas achegas correspondentes a actuacións financiadas polo Plan Único da Deputación, subvencións autonómicas, ingresos do canon de Sogama ou fondos da Residencia.

A oposición cuestionou o uso reiterado das modificacións de crédito. Benjamín Escontrela (PSOE) instou ao goberno a “non abusar desta ferramenta contable”, mentres que Carmen José López (PP) lamentou “a evidente falta de planificación”. Desde o BNG, Efrén Castro criticou especialmente a renuncia a 200.000 euros da Deputación para renovar o céspede de A Ribela. O alcalde, Claudio Garrido, respondeu que o proxecto previsto “é máis ambicioso e contempla unha reforma integral do campo, non só cambiar o céspede”.

Outro dos puntos destacados foi a moción presentada polo PSOE para instar ao Catastro a non recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou o chamado “catastrazo” e a axilizar a devolución das cantidades cobradas de máis aos veciños. A proposta foi aprobada por unanimidade, aínda que o alcalde lembrou que o seu goberno “xa puxo en marcha dúas bonificacións do IBI para paliar os efectos do catastrazo”.

Pola súa banda, a moción do PP para pedir á Confederación Hidrográfica Miño-Sil solucións técnicas que compatibilicen tráfico rodado e tránsito peonil en Ponte Ribeira foi rexeitada. A concelleira do Camiño, Reyes Abella, defendeu que “xa se están estudando alternativas, como a posible conexión entre as rúas da Liberdade e do Peregrino”.

Finalmente, o pleno tamén deu luz verde —esta vez por unanimidade— á moción de Camiña Sarria para instar ao SEPES e ao Goberno central a desbloquear e acelerar a segunda fase do polígono de O Morelle. Así mesmo, prosperou outra proposta da formación para reclamar á Xunta melloras na estación de autobuses, nas frecuencias das liñas e nas paradas. Coa abstención do PP, tamén se aprobou unha moción do BNG para solicitar máis financiamento autonómico para o servizo de axuda no fogar e melloras nas condicións laborais das traballadoras.

⚙ Configurar cookies
0.15809106826782