O pleno de Sarria evidencia a falta de consenso coa suba das tarifas da piscina e o debate sobre os orzamentos

O pleno ordinario do Concello de Sarria celebrado este xoves estivo marcado pola falta de consenso político e a concentración cidadá previa á sesión, con motivo da celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+. Antes de iniciarse a sesión, tivo lugar a lectura dun manifesto a favor da igualdade por parte da concelleira Isabel Varela, con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+, acto ao que se sumaron varios membros da corporación e público asistente.
No debate institucional, un dos temas máis polémicos foi a decisión do goberno local de aprobar en solitario unha suba do 40 % nas tarifas da piscina climatizada municipal, que non se actualizaban dende 2019.
Segundo explicou o executivo que lidera Camiña Sarria, esta revisión dos prezos responde á necesidade de paliar parcialmente o déficit que xera o servizo, cifrado en arredor de 260.000 euros anuais. Con todo, mesmo tras o incremento, os novos prezos non chegan a cubrir os custos reais.
A proposta sairá agora a exposición pública, e establece que a matrícula pasará a custar 26,68 euros, o abono individual mensual 37,37 euros, e o trimestral 116,89. Os bonos por semestre e por ano ascenden a 186,89 e 296,83, respectivamente. Tamén se recollen bonificacións para familias numerosas, pensionistas e mozos. A entrada individual dun adulto situarase en 5,11 euros e a infantil en 2,98 euros.
A medida contou co rexeitamento dos grupos da oposición, que acusaron ao goberno de tomar esta decisión de forma unilateral. O PP advertiu de que unha suba tan pronunciada pode repercutir negativamente na asistencia da veciñanza. O BNG, pola súa banda, cualificou de "irresponsable" o papel da oposición ao non presentar alternativas realistas. Porén, só o PSOE votou en contra, mentres que os outros dous partidos políticos se abstiveron.
No mesmo pleno, a corporación tamén debateu sobre a situación do tren en Sarria. A moción do PP pedindo melloras na estación foi aprobada co seu apoio e o do PSdeG, mentres que Camiña Sarria e o BNG se abstiveron. O voceiro nacionalista, Efrén Castro, criticou a posición do PP e valorou os investimentos do Goberno do Estado en infraestruturas ferroviarias.
Tamén saíu adiante a outra moción popular, na que pediron un proceso aberto e participativo para elaborar os orzamentos municipais. Esta foi apoiada por BNG e PSOE, pero o alcalde sarriao, Claudio Garrido, sostivo que "para haber negociación, debe haber vontade de diálogo".