O pleno de Sarria non aproba subir as taxas da residencia de maiores e saen adiante as mocións do PP

O pleno do Concello de Sarria rexeitou este mes de abril a proposta do grupo de goberno, Camiña Sarria, para modificar a ordenanza e incrementar nun 11% as tarifas públicas da residencia de maiores Nosa Señora do Carme. A intención era elevar as cotas mensuais ata os 1.879,51 euros para residentes dependentes e 1.448,26 euros para válidos, fronte aos 1.690 e 1.302 euros actuais, respectivamente.
Segundo explicou o alcalde, Claudio Garrido, a medida buscaba reducir a carga económica que supón para as arcas municipais o financiamento da residencia, que en 2024 alcanzará os 328.582 euros. Recordou que o centro non conta con achegas doutras administracións e que se mantén exclusivamente cos ingresos dos usuarios, polo que, ante unha desviación orzamentaria de 180.000 euros, consideraba necesario trasladar parte desa contía ás cotas.
Garrido tamén destacou que os residentes seguirían pagando en función da súa renda e patrimonio, asumindo o Concello a parte restante.
Porén, a proposta contou coa oposición dos principais grupos da corporación. Efrén Castro, portavoz do BNG, criticou a suba por ser a terceira nos últimos dous anos. Pola súa banda, Benjamín Escontrela (PSOE) amosou tamén o seu rexeitamento, protagonizando un tenso intercambio co alcalde, ao que acusou de preocuparse agora pola legalidade das baixas laborais tras acusalo a el de contratar un detective cando formaba parte do Goberno. O PP tampouco apoiou a proposta.
OUTROS ASUNTOS
Durante o pleno, aprobouse crear unha comisión especial de protocolo para o mandato do Goberno local, que estará presidida pola concelleira de Camiña Sarria Reyes Abella e contará cun portavoz de cada grupo político.
Tamén se aprobou declarar de titularidade pública un camiño en Farbán que conecta a estrada de Vilariño e o núcleo de Veiga de Arriba.
Con respecto as dúas mocións levadas a pleno polo PP, ámbalas dúas foron aprobadas co apoio dos grupos da oposición e coa abstención do grupo de Goberno. Así, tanto a moción que esixía melloras na xestión administrativa e a eliminación de obstáculos innecesario, como a que pedía inspeccionar, reparar ou restituír os elementos deteriorados do municipio contou cos votos a favor do BNG e do PSOE, que creron que estas iniciativas eran "lóxicas" e, polo tanto, interesantes de levar a cabo. Mentres, Claudio Garrido explicou que "unha abstención é unha forma de apoio, porque aínda que non estamos de acordo no plantexamento, parécenos ben o fondo da cuestión", sostivo.