O pleno do Concello de Sarria tivo como tema central a discusión das mocións de urxencia do PP
O Partido Popular de Sarria solicitará un pleno extraordinario na vindeira semana despois de que a orde do día do pleno celebrado esta semana non acollera tres mocións presentadas por este grupo. Estas mocións pretendían debater a rebaixa do prezo do solo industrial na segunda fase do Morelle, a reclamación a Adif dun paso elevado na zona de Requeixo e solicitar á Xunta que cubra unha praza vacante no centro de saúde da vila.
O PP presentaron as tres mocións de maneira urxente que foron rexeitadas polo alcalde que indicou que tan só se poden presentar dúas mocións de urxencia por sesión plenaria e grupo. Tras isto, o alcalde instou aos populares a retirar unha das mocións e despois da negación do partido político debatéronse as dúas que foron presentadas primeiro, deixando a un lado a que tiña que ver coa Xunta e o centro de saúde.
As dúas mocións discutidas non contaron co apoio suficiente, xa que era preciso acadar a maioría absoluta, e, tan só conseguiron o apoio do PSOE e o propio partido, coa oposición do goberno e a abstención do BNG.
Segundo o voceiro do PP, José Antonio García, as dúas mocións discutidas foron presentadas en tempo e forma e deberían formar parte da orde do día, desta forma evitaríase ter que votar de maneira urxente.
Neste mesmo pleno aprobouse por unanimidade a iniciativa de retomar o expediente que busca declarar BIC o monasterio sarriao. O documento comezou a súa elaboración no ano 2013. Neste pleno tamén se discutiu unha moción do BNG que recollía actuacións que axudaran a mitigar o impacto da inflación actual. Esta proposta obtivo o apoio do goberno, Galicia Sempre mentres que PSOE e PP se abstiveron.