O polígono de Loio servirá para recuperar terra de boa capacidade produtiva para o sector agrogandeiro
O conselleiro do Medio Rural, José González, delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión cos veciños de Paradela, na parroquia de Loio, para abordar a posibilidade de crear un polígono na parroquia de Loio.
No polígono de Loio ocuparíanse unhas 23 hectáreas con 90 parcelas duns 25 propietarios, pero en total serían preto de 62 hectáreas, distribuídas en 204 parcelas duns 105 propietarios, segundo informan desde o Concello de Paradela.
Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar este polígono á gandaría en extensivo e cultivos agrícolas, incluíndo a posibilidade de recuperar antigos terreos dedicados á viña no ámbito da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de darlle valor ás variedades autóctonas que caracterizan aos viños de Galicia.
Desde o goberno local queren recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.
Máis polígonos en Galicia
Este futuro polígono sumaríase aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.
Neste sentido, o titular de Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.
Deste xeito, é unha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.