O portavoz do BNG en Láncara será o alcaldable da formación para as vindeiras eleccións

SarriaXa
O portavoz do BNG en Láncara será o alcaldable da formación para as vindeiras eleccións co obxectivo de mellorar o municipio
Iago Bande BNG Láncara
13 Mar 2023

Iago Bande Cortizo foi elixido por unanimidade pola asemblea local da organización como candidato para ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

O actual portavoz e concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Láncara, volverase presentar ás eleccións "para que Láncara avance, desde a transparencia, a participación veciñal, a boa xestión e as ideas claras nun proxecto que emocione á veciñanza", defendeu.

Así, sostivo que "o BNG dará o impulso que precisa Láncara para abrir un tempo novo con firmeza e ilusión" e subliñou que "saímos a por todas para dar pasos adiante na mellora da vida da veciñanza, é o momento de sumar co BNG e desenvolver un proxecto de futuro".

O candidato á alcaldía destacou que "imos transformar este concello, estamos convencidos de que as potencialidades hai que poñelas a funcionar, como o talento e as boas ideas que se poden xerar aquí, contribuíndo a establecer poboación e apostar por un futuro que ilusione á xente moza, promovendo os servizos públicos e os mellores servizos á veciñanza".

0.12109279632568