O posible peche do matadoiro municipal xera malestar, tamén, no Partido Popular de Sarria

SarriaXa
O posible peche do matadoiro municipal xera malestar tamén no Partido Popular de Sarria, que pide explicacións
PP Sarria
14 Xul 2023

Os populares de Sarria mostraron a súa preocupación polas manifestacións formuladas por parte da responsable do servizo do matadoiro municipal, Geni Valcárcel, e o rexedor, Claudio Garrido nas reunións mantidas con usuarios das instalacións do matadoiro, así como cos traballadores do mesmo, así como o fixo o portavoz do BNG, Efrén Castro.

Así, o Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria solicitará a Claudio Garrido unha reunión urxente para que dea explicacións á corporación sobre a situación económica do Servizo de Matadoiro Comarcal do que é titular o Concello de Sarria: “Facémonos eco da gran preocupación que nos traslada o sector gandeiro e agroalimentario de Sarria tras levarse a cabo varias reunións cos traballadores municipais e co sector agrogandeiro de Sarria", sostiveron.

Segundo distintos asistentes á reunión, explica Carmen López, está a trasladarse polo alcalde unha situación de "ruína" do servizo, "información que se ocultou, tanto polo alcalde, como polo seu grupo político ata pasar as eleccións”, critica.

Unha situación predecible

“Queremos lembrar que por parte do Grupo Municipal do Partido Popular fíxose referencia xa en distintas ocasións, a última delas no propio pleno de organización, á complicada situación económica do Concello, así como á de varios servizos municipais, aínda que esta realidade veuse negando por parte do Goberno local, o que constitúe unha mostra máis do escurantismo e a ausencia de transparencia co que xestionan o Concello”, denuncian os populares.

Conscientes da importante función deste servizo nun municipio, no que o sector primario e a industria agroalimentaria teñen un peso moi importante para a economía local, o Grupo Municipal do Partido Popular instará o rexedor para que convoque unha reunión explicativa aos portavoces dos distintos grupos municipais ou ben un pleno extraordinario, facilite toda a documentación relativa á situación económica do servizo e traslade os plans de futuro respecto do servizo e as medidas que prevé adoptar para paliar a mala xestión do mesmo e evitar o peche ou recorte de servizos, "un peche ou recorte de servizos absolutamente inaceptable" desde a perspectiva do Grupo Popular.

0.087725162506104