O PP condena a solución do Goberno para conexión de Lugo cos AVE

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Barreiro sinalou que o Goberno “contestou que os lucenses debemos ir a Ourense e xa sabemos como están as conexións
senadores-pp-estacion-tren-lugo
12 Out 2024

O PP da provincia de Lugo condena que “a solución que ofrece o Goberno de Sánchez para que os lucenses accedamos ao AVE é derivarnos a Ourense”, segundo se desprende das respostas oficiais do Executivo a preguntas formuladas polos senadores.

Así o denunciaron en rolda de prensa José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano xunto á presidenta provincial, Elena Candia, que recordou unha vez máis que “unha das nosas prioridades irrenunciable é que Lugo non quede illada da alta velocidade” e que “é un compromiso coa sociedade lucense poñer todos os mecanismos ao noso alcance para que o Goberno rectifique”.

Barreiro sinalou que o Goberno contesta o mesmo a dúas preguntas dos senadores sobre a chegada do AVE a Lugo e a previsión do Executivo para executar as variantes dos Peares-Canabal e Rubián é que “Lugo ten o servizo cuberto a través de Ourense”. É dicir, “os lucenses debemos ir a Ourense e xa sabemos como están as conexións con Ourense”: a estrada nacional en mal estado, a autovía sen avances e a inexistente conexión actual por ferrocarril. O popular cre que “é unha falta de respecto enorme á sociedade lucense” porque “non está respondendo ao que se lle pregunta”.

O senador popular lembrou tamén que “Lugo é a única provincia galega e a única capital de provincia de Galicia, á que non chega ao AVE, nin hai un prazo previsto para a posta en marcha da alta velocidade” toda vez que Sánchez abandonou os proxectos para a construción das variantes comprometidas polo Goberno do Partido Popular e que posibilitarían que os trens circulasen pola provincia a alta velocidade.

PERDA DE SERVIZOS

Os populares inciden en que a progresiva supresión de conexións e frecuencias supón prexuízos aos lucenses xa que contribúe ao seu “illamento e falta de comunicación con outros territorios”.

Serrano subliñou que “o compromiso do Goberno con Lugo en materia de infraestruturas é cero”. E concretamente en materia ferroviaria, “xa denunciamos a perda do servizo de tren hotel a Barcelona e a Madrid e o tren Arco a Bilbao”. Isto supón, para o popular, “un incomodo” para as persoas que quixeran desprazarse á nosa provincia para iniciar o Camiño de Santiago. “Agora mesmo a única forma de chegar a tren en Lugo é vir en autobús”, sentenciou.

Balseiro lembrou que “o PSOE rexeitou que o AVE chegue a Lugo e tamén de recuperar os servizos perdidos nos últimos anos”. De feito, o PSOE votou en contra dunha moción que o PP logrou aprobar na Comisión de Transportes do Senado para esixir a construción das variantes ferroviarias e de recuperar, entre outros servizos, a conexión por tren de Lugo con Barcelona ou o País Vasco.

O senador popular tamén afea que o BNG non asistira á comisión para estar presente no debate deste asunto. “Cando hai que reclamar a Sánchez e defender aos galegos e lucenses, o BNG nunca está. En Lugo fan oposición ao Goberno e reclaman o tren, pero en Madrid non están. Priorizan o apoio a Sánchez antes que defender a chegada do AVE a Lugo”.

0.141273021698