O PP critica que o Goberno Central non vaia repoñer o caixeiro automático que había en Samos

SarriaXa
O senador José Manuel Balseiro e o portavoz popular na localidade, Miguel Gallego, lamentan “o desmantelamento” dun servizo que consideran esencial para a cidadanía
PP-Samos-caixeiro-Correos
2 May 2025

Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, denunciaron que o Goberno Central confirmou por escrito que non vai repoñer o caixeiro automático que estaba instalado na oficina de Correos de Samos.

O Executivo xustifica a retirada na finalización do contrato coa empresa adxudicataria do servizo, dentro dun acordo previo entre Correos e entidades bancarias. Porén, os populares sinalan que o propio Goberno indicou que dispón doutros instrumentos para instalar caixeiros automáticos en sedes municipais ou de organismos interesados.

Neste sentido, o PP insta ao Concello de Samos a solicitar a instalación dun novo caixeiro, xa que Correos mantén na actualidade un acordo cunha outra empresa encargada da xestión e instalación destes terminais, actuando como intermediaria para levar este servizo aos municipios que o demanden.

O senador José Manuel Balseiro e o portavoz popular na localidade, Miguel Gallego, lamentan “o desmantelamento” dun servizo que consideran esencial para a cidadanía, especialmente nun entorno rural como o de Samos. Critican que a retirada se producise “sen ningún tipo de explicación nin aviso previo”.

Desde o PP subliñan a contradición entre os obxectivos declarados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a actuación do Goberno, xa que un dos propósitos da iniciativa era precisamente evitar a exclusión financeira nas zonas rurais. “Con esta retirada conséguese xusto o contrario: os veciños perden a posibilidade de retirar diñeiro ou realizar operacións básicas sen ter que desprazarse a outros municipios”.

Balseiro lembra ademais que, mentres o Goberno da Xunta de Galicia está a instalar caixeiros nos concellos sen sucursais bancarias, o Goberno central está a facer desaparecer estes servizos, contribuíndo así a unha fenda maior entre o mundo urbano e o rural.

⚙ Configurar cookies
0.12483811378479