O Partido Popular de Láncara denunciou que o municipio quedará outro ano máis sen brigada municipal contra incendios, unha situación que, segundo aseguran, evidencia a falta de previsión do goberno local en tarefas fundamentais como o desbroce, a limpeza e o mantemento das marxes dos camiños e das áreas verdes de competencia municipal.
No último pleno, "o alcalde xustificou a ausencia da brigada alegando que non vale a pena para rozar catro camiños forestais", unhas palabras que desde o PP consideran inaceptables e pouco responsables.
A portavoz popular, Olga Capón, subliña que ter o pobo coidado “é algo básico” e lamenta que o executivo local non estea a cumprir con esa obrigación.
Pon como exemplo a situación dalgunhas parroquias da montaña, onde hai estradas municipais que levan dous anos sen desbrozar, e denuncia tamén que a área de descanso na estrada de Puebla de San Xulián a Muro continúa sen rozar, igual que o verán pasado. Esta zona, situada preto dun cemiterio, do punto limpo e dunha vía provincial, é considerada polos populares como unha área de risco na que debería intervir unha brigada municipal.
Capón esixe que os traballos de limpeza se leven a cabo en tempo e forma, especialmente agora, de cara ao verán, cando é necesario contar con camiños despexados e zonas recreativas en bo estado. Critica tamén a falta de planificación que se reflicte en actuacións como as do obradoiro de emprego: "os traballos no paseo da vía seguen sen rematar e apenas agora comezan as obras na zona de baño do río Neira, a tan só quince días do inicio do verán", denuncian.