O PP de Láncara critica o estado das estradas municipais da zona da montaña

SarriaXa
Os populares acusan ao goberno local de mala xestión e de desaproveitar axudas para mellorar vías rurais
Láncara-acceso-a-Casa-Paulo-(Armea-de-Arriba)
12 Aug 2025

O Partido Popular de Láncara denunciou o “estado vergoñento” no que se atopan varias estradas municipais da zona da montaña, unha situación que atribúen á “deficiente xestión do goberno local”.

A portavoz popular, Olga Capón, advertiu de que a deterioración é “insostible” en vías como a que une Saa co Busto, na parroquia de Cedrón, ou o acceso a Casa Paulo, en Armea de Arriba, onde “os vehículos chegan a golpear cos baixos” e onde “no inverno as condicións empeoran, afectando tamén aos camións que deben chegar ás explotacións gandeiras da zona”.

Capón sinalou que este ano se executaron melloras nalgúns tramos que, ao seu ver, “levaban anos precisando intervención” e que, ademais, “se limitaron a simples parches”. No caso do acceso a Casa Paulo, asegura que “non hai constancia de que o goberno local teña previsto actuar”, mentres que para a estrada entre Saa e o Busto “o equipo de goberno solicitou unha axuda á Xunta nunha liña pensada para dotación de parques infantís, en vez de optar por subvencións específicas, como o Plan Marco, destinadas á mellora de vías rurais”.

A portavoz considera que isto demostra “unha mala xestión dos recursos dispoñibles” e engade que, se houbera vontade, “o arranxo desta estrada xa se tería incluído en proxectos financiados polo Plan Deputación nos últimos anos”.

Tanto Capón como o portavoz do PP na Deputación, Antonio Ameijide, recalcan que o goberno local “debería coñecer as convocatorias de axudas doutras administracións” e lembran que Pablo Rivera, como deputado provincial, “coñece perfectamente as bases do Plan Deputación, o único mecanismo que reparte de forma obxectiva os fondos da institución a todos os concellos e que inclúe financiamento para mellorar vías municipais”.

⚙ Configurar cookies
0.15364718437195