O PP de Láncara criticou os orzamentos do Goberno local, "sen partidas para o impulso e dinamización económica"

SarriaXa
Olga Capón critica tamén que o goberno local de Láncara non solicite axudas á Xunta para a contratación de brigadas municipais contra incendios
Área-Castal-Vello-sen-limpar-este-2024-Láncara-PP
4 Dec 2024

O PP de Láncara advirte que “os orzamentos do goberno municipal para o 2025 se incrementan por subir impostos e taxas aos veciños e veciñas e, aínda así, descenden os investimentos en obras e melloras con respecto a este 2024. Concretamente, 200.000 euros menos”.

A portavoz, Olga Capón, explica que “na última sesión plenaria na que o goberno do PSOE aprobou o orzamento, tamén subiu as taxas pola recollida de residuos”. Ao respecto, indica que “Láncara ten uns datos alarmantes: un gasto de máis de 10.000 euros mensuais a pesar de dispoñer dun servizo pésimo, con contedores rotos ou escasos e sen desenvolver ningún tipo de acción de reciclaxe”. É máis, “o Concello ten que facer fronte a sancións por impropios (mestura de todo tipo de residuos, incluídos os voluminosos) e o contrato de recollida do lixo está caducado e sen renovar dende setembro do 2022”.

Os populares tamén botan en falta partidas para o impulso e dinamización económica, nada para o polígono industrial, apoiar o pequeno comercio ou impulsar o sector turístico, para facilitar o acceso á vivenda ou para acondicionar inmobles de titularidade municipal, como as escolas rurais- ou espazos verdes. “Tampouco recollen as contas do goberno local nada para as traídas de auga para as parroquias que aínda non dispoñen deste servizo, a pesar de que o prometeu en campaña electoral”, explica Capón.

E, en relación ás obras que tiña anunciado o alcalde para o 2023 algunhas iniciáronse no 2024 e outras non, como as do punto limpo. E o acceso ao polígono na Pobra de San Xiao, entre as obras previstas para este 2024, queda para o 2025. Os populares avanzan que “estaremos vixiantes para que o goberno municipal cumpra con todo o que promete nos presupostos municipais para o vindeiro ano”.

APOIO DA XUNTA

A portavoz popular do PP destaca as achegas da Xunta de Galicia para Láncara sempre que o goberno municipal solicita en tempo e forma e adaptando as solicitudes á liña específica para a que foran creadas.

Así, Capón subliña os máis de 410.000 euros para o obradoiro de emprego Os Soutos, en conxunto cos Concellos de Samos e Paradela, do que se beneficiarán 8 veciños do municipio que, ao mesmo tempo, realizarán traballos de acondicionamento de áreas recreativas, paseos e xardíns.

A popular afeou que no acto inaugural celebrado na Pobra non participara nin o alcalde nin ningún outro concelleiro en representación do goberno municipal, mentres que si asistiu a alcaldesa de Samos e a terceira tenente de alcalde de Paradela.

Ademais, Olga Capón critica que o goberno local de Láncara non solicite axudas á Xunta para a contratación de brigadas municipais contra incendios "e levamos xa dous anos sen este servizo que, ademais, xeraría emprego. De feito, poderíanse crear 2 brigadas que supoñen 10 postos de traballo e que permitirían rozar 20 hectáreas".

“Se non hai brigadas non se crea emprego, non se roza e o Concello perde outra subvención da Xunta”, indica a portavoz. A roza das marxes das estradas municipais comezou en Láncara a finais de xullo: “e estamos en decembro e non se limparon as vías en todas as parroquias nin todos os camiños nas parroquias onde actuaron”.

ESTRADAS MUNICIPAIS DAS PARROQUIAS DA MONTAÑA

Os populares lembran, en relación ao arranxo das estradas da montaña, que “dende o primeiro pleno deste mandato e en tódolos medios ao noso alcance reivindicamos a necesidade de arranxar as pistas. O alcalde recoñece agora o mal estado destas vías de titularidade municipal, despois de obviar as queixas dos veciños destas parroquias durante 9 anos”.

Os concelleiros do PP seguirán demandando o arranxo das vías que están mal e supervisarán “que o alcalde cumpra todo o que promete”.

A portavoz explica que “os orzamentos para o 2025 non contemplan os fondos que a Xunta de Galicia dirixe a través do Plan Marco para o arranxo de camiños municipais” pero agarda que “o alcalde e o seu goberno non perdan a oportunidade de beneficiarse desta achega da Xunta para mellorar máis vías municipais”.

NOVO VEHÍCULO MUNICIPAL E POLIDEPORTIVO

No ano 2018, e a través de fondos propios, o Concello adquire un vehículo para acceder ás zonas de montaña, sobre todo no inverno. Á vista de que é o coche que emprega o alcalde as 24 horas do día os 7 días á semana, incluído o uso privado, e de que agora anuncian a adquisición doutro vehículo a través dun convenio coa Deputación de Lugo que xustifica dicindo que tamén é para acceder a zonas de montaña; os populares pregúntanse se é que o alcalde quere cambiar de coche.

En relación á mellora do polideportivo, a popular lembra que “o goberno local socialista non solicitou a axuda á Xunta no ano 2023”. Así, os baños permanecen pechados porque os azulexos están caendo e, incluso, nos vestiarios están suxeitos con celo, “co perigo que iso supón para os usuarios: tanto nenos coma adultos. Tamén chove no polideportivo e as luces non funcionan”, advirte a popular. É que, a pesar do anuncio neste ano 2024 dun acordo coa área de Deportes da Deputación que xestiona o BNG, "a súa mellora segue pendente", conclúe.

0.13033890724182