O PP de Láncara denuncia que o municipio non vaia contar este verán con brigada de incendios

SarriaXa
Olga Capón denuncia que o alcalde “leva anos ignorando a sostenibilidade medioambiental do Concello"
Láncara-sen-desbrozar-PP
Un parque de Láncara invadido pola maleza
29 Xuño 2024

O Grupo Municipal Popular de Láncara amósase moi crítico coa actitude do alcalde e do seu equipo de Goberno, que “pola súa alarmante ineficacia, o municipio volve a quedar sen brigada de incendios", explica a voceira popular, Olga Capón, quen denuncia que o alcalde “leva anos ignorando a sostenibilidade medioambiental do Concello, o que supón que Láncara siga un ano máis sen a necesaria brigada. So estará operativa a motobomba e porque é obrigatoria que senón tamén quedaríamos sen ela”, sinalou.

Dende o Grupo Popular explican que Láncara podería ter dúas brigadas de cinco traballadores cada unha, pero “a realidade é que non temos vehículos axeitados nin medios e recursos para dar cobertura, polo que vemos como outro ano máis non se realiza o desbroce manual, fundamental na prevención de incendios”.

Olga Capón explica que isto "supón a perda dunha decena de empregos no municipio e que esas persoas, ademais de traballar, adquiran unha formación laboral e poidan realizar un servizo importante para a veciñanza, como as rozas no verán. Nun municipio coma o noso, con 26 parroquias, con moitos espazos públicos descoidados, e moitos camiños intransitables ao estar pechados pola vexetación”.

A voceira popular destaca que Láncara está un ano máis sen ningún plan de desbroce nas parroquias: “Están todas sen limpar a pesar de ter un tractorista dende principios de ano”. Neste senso, di que os camiños forestais xa non se desbrozan, moitos deles levan anos sen tocarse “e o alcalde cree que non vale a pena abrilos porque non pasa ninguén”.

Olga Capón explica que o sentir entre os veciños e veciñas de Láncara é que “non hai eficacia na xestión do alcalde” porque “non se están a xestionar as necesidades do municipio”.

En canto á roza mecanizada, "seguramente non se realizará a selección de tractoristas de incendios, o que, engadido a que non se cubriu o posto de palista, máis a perda de dúas brigadas, Láncara perde un mínimo de 12 postos de traballo", denuncia a popular.

“O equipo de goberno de Láncara non ten plan de prevención de incendios, nin planificación no desbroce das parroquias. Non hai plan de emprego público, nin hai vontade de colaboración con outras administracións na defensa contra incendios... danando completamente a imaxe do noso concello”, sentenciou.

0.09253191947937