O PP de Láncara insiste na necesidade de arranxar a pista municipal Villarín - Furco

SarriaXa
O PP de Láncara reitera unha vez máis a necesidade de arranxar a pista municipal que une a estrada autonómica LU-633 coa aldea de O Furco
lancara villarin Furco fochanca
7 Xul 2022

O Grupo Municipal do PP de Láncara reitera unha vez máis a necesidade de arranxar a pista municipal que une a estrada autonómica LU-633 coa aldea de O Furco e que da servizo aos lugares de Villarín, A Seara, A Cortella e Furco na parroquia de Cedrón.

O concelleiro popular, Óscar Martínez, lembra que “xa foron varias as ocasións na que advertimos ao alcalde e o seu goberno do mal estado desta estrada, así como doutras do municipio”. Neste caso, Martínez sinala que “está totalmente cuberta de fochancas polo que obriga aos condutores practicamente a parar para esquivalas e continuar o traxecto tratando de non danar os vehículos”. 

O popular advirte que “esta é a única pista de acceso a moitas casas desta parroquia; pero xa fai tempo que nin sequera se fai algún tipo de bacheo”. Polo tanto, pregúntase “se o alcalde ten algo en contra dos veciños da zona da montaña”. Os propios afectados participaron nalgunha ocasión no pleno municipal no que o Grupo Municipal Popular reclamaba o arranxo desta pista de titularidade municipal moi transitada debido a que comunica tamén cos termos municipais de Triacastela e Becerreá.

Trátase dunha vella reclamación dos populares que xa no anterior mandato propuxeran que o recadado coa licenza de obra do parque eólico Montes de Abella revertera no arranxo das pistas desa mesma zona.

“Entendemos que o señor alcalde estea preocupado polos distintos procesos xudiciais que ten abertos, pero o primeiro polo que se debe preocupar é de atender as demandas dos veciños, incluídos os que viven máis afastados do centro do municipio”, conclúe o popular.

0.15637397766113