O PP de Láncara insta ao Concello a reparar a báscula de camións de Trasliste
O PP de Láncara insta ao Concello a reparar a báscula de camións de Trasliste, que leva "un ano e medio" sen prestar servizo desde que "a cabina para as moedas foi desvalixada".
A báscula para a pesaxe dos camións está xunto ao cemiterio de Trasliste e entrou en funcionamento no verán de 2018, despois dunhas obras financiadas polo Concello e a Deputación. Unha vez instalada, foi preciso levar ata alí a liña eléctrica, o que supuxo outros traballos que se sufragaron con cargo ao plan único do organismo provincial.
Os populares lembran que no seu día se opuxeron á instalación da báscula neste lugar porque "non nos parecía o sitio máis correcto", ao situarse nunha zona sin accesos principais. Ademais, din, a báscula "foi colocada en perpendicular á estrada en lugar de en paralelo". Pero, unha vez posta en marcha, o PP defende que se arranxe para que preste servizo. "Non se trata de facer moitas cousas, senón de facelas ben. Polo menos que funcione e dé servizo", din.
A reparación da báscula de Trasliste xa motivou rogos por parte do grupo municipal popular en plenos municipais e o goberno local mesmo anunciou a intención de colocar unha cámara de vixilancia na zona.