O PP de Láncara pídelle ao alcalde reunir a xunta de portavoces para convocar axudas ao sector primario
O PP de Láncara convida ao alcalde a “recapacitar” e convocar a xunta de portavoces dos grupos municipais co obxectivo de analizar a situación dos gandeiros do municipio e convocar axudas, directas ou indirectas, para paliar a situación que están a sufrir ao producir a perdas debido aos altos custes de produción.
“A xunta de portavoces foi a fórmula elixida noutras ocasións para artellar axudas a outros sectores en dificultades, coma a hostalería e o comercio afectados pola crise da covid-19. Nesta ocasión, é o sector gandeiro o que o está a pasar peor”, inciden.
Os populares amosan claramente o seu apoio ao sector primario e sinalan que “se o alcalde non convoca a xunta de portavoces, solicitaremos un pleno extraordinario para que explique por que se nega a apoiar ao sector maioritario do concello. Parece mentira que fora gandeiro. Agora amosa pouca sensibilidade co sector”, condenan.
Os concelleiros do PP lembran que “o alcalde e o equipo de goberno, do PSOE, votaron en contra da rebaixa do IBI aos titulares de explotacións gandeiras solicitada ata en dúas ocasións polo Grupo Municipal Popular. Iso non é apoiar ao sector primario”, matizan.
Distintas prioridades
Os populares opuxéronse ás contas presentadas polo goberno do PSOE ao non contemplar axudas de ningún tipo para o sector gandeiro nin para adoptar medidas para fixar poboación, tal e como defenderon dende o Grupo Municipal Popular no último pleno ordinario da corporación.
O voceiro, Santiago Cubillas, aclara que “o Grupo Municipal Popular está do lado dos veciños e sempre disposto a axudar. Estamos á súa disposición para escoitar e trasladar as súas necesidades a aquelas institucións onde sexa preciso e tamén para colaborar no que podamos”.
“Votar en contra dos orzamentos municipais para o 2022 non é ir en contra dos veciños; senón que é a forma de amosar o noso rexeitamento ás prioridades establecidas polo goberno local”. Reclaman, nese sentido: “menos vehículo 4x4 para uso do alcalde e máis pensar nos veciños que o pasan peor”.