O PP de Láncara presentará dúas mocións no pleno de hoxe

SarriaXa
O Partido Popular do concello de Láncara presentará dúas mocións no pleno de hoxe: unha delas sobre a aprobación dunha liña de subvencións
reformas
29 Sep 2022

O concelleiro do Partido Popular de Láncara, Arturo Sobrado Castro, exporá durante o día de hoxe no pleno que terá lugar no municipio, dúas mocións: a primeira delas sobre a aprobación de subvencións en obras menores en vivendas unifamiliares e outra que avoga pola construción dunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida nos arredores do colexio Ramón Piñeiro, na Pobra de San Xiao.

No relativo á primeira delas, Arturo Sobrado afirma que “Láncara, ao igual que outros concellos galegos, ten cada vez menos poboación no ámbito rural, por iso consideramos necesarias medidas que axuden a promover o asentamento nas zonas rurais, para paliar a sangría demográfica”, comenta.

É por isto que persegue a aprobación “dunha medida como pode ser subvencionar as licencias de obras menores en vivendas unifamiliares de uso particular, tanto obras exteriores coma interiores, sempre que as obras sexan de escasa entidade construtiva e que non sexan para uso público” que tal e como afirma “contribuiría a incentivar a economía de Láncara, aproveitando a tendencia que comeza a manifestarse do aumento de persoas interesadas en vivir o contacto coa natureza e podería atraer a emprendedores e sobre todo asentar á poboación xa existente”, declara o propio concelleiro.

É por todo isto que o membro do Partido Popular, solicitará que por parte do concello de Láncara se subvencionen na medida do posible as licencias de obras menores en vivendas particulares.

OUTROS ROGOS

Outro dos temas que o concelleiro Arturo Sobrado pedirá que se trate no pleno de hoxe, será o feito de que se habilite unha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida diante do colexio Ramón Piñeiro, situado na Pobra de San Xiao.

Tal e como afirma o Popular: “no pasado mes leváronse a cabo varias obras nas inmediacións do colexio Ramón Piñeiro de Pobra de San Xiao, tales coma o asfaltado ou o pintado da rúa pero en todo o perímetro non hai ningunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, algo que consideramos de vital importancia para facilitar a condución a estas persoas”, afirma Arturo Sobrado.

“Por iso mesmo, rogamos que o concello de Láncara habilite unha destas prazas o máis pronto posible”, conclúe o concelleiro.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13328003883362