O PP de Lugo pide acondicionar os inmobles baleiros de Adif na provincia para alugueiro accesible

Os senadores do PP pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron esta mañá en Monforte unha moción para instar ao Goberno central a acondicionar os inmobles de propiedade pública que se atopan actualmente baleiros ou infrautilizados na provincia para destinalos ao alugueiro de vivendas a prezos accesibles.
A proposta, din, ten como obxectivo dá resposta á crecente preocupación da sociedade española pola dificultade de acceder a unha vivenda a prezos razoables.
Os populares explican que Adif dispón actualmente de 158 inmobles a provincia, dos cales 100 están baleiros, incluíndo 36 vivendas en estado deficiente, 28 en estado regular e 10 en estado ruinoso. Para os senadores, “estas propiedades, unha vez acondicionadas, poderían destinarse a satisfacer a demanda de vivenda a prezos accesibles”.
“Algunhas das vivendas ou locais susceptibles de converterse en vivendas poderían poñerse a disposición de xente nova, emprendedora, xente que interesada en asentarse no rural”, manifestou o senador Juan Serrano, que considera que “con pouco investimento por parte do Goberno de Sánchez poderían poñerse en torno a un centro de vivendas a disposición dos interesados e, ao mesmo tempo, poñer en valor estas instalacións abandonadas”.
Pola súa banda, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, lembrou que nesta cidade Adif ten un edificio con tres pisos baleiros que, explica, podería supoñer “unha gran oportunidade para reformar estas instalacións e dirixilas ao parque público de vivendas”.
Os populares sinalan que segundo APC ESPAÑA, sería necesario construír entre 120.000 e 150.000 vivendas ao ano para atender a actual demanda existente, e consideran que “para moderar os prezos do mercado inmobiliario sería necesario incrementar a oferta tanto en réxime de alugueiro como en propiedade”
A moción será debatida na Comisión de Transporte y Movilidad Sostible, onde os populares agardan o apoio de todos os grupos parlamentarios comprometidos coa resolución desta cuestión fundamental para a sociedade española.