O PP de Samos acusa ao goberno local de "opacidade" e a alcaldesa explica todos os cartos investidos

SarriaXa
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia “o gasto desorbitado do goberno bipartito en cuestión de tres meses” trala celebración dunha reunión da Comisión de Contas na que se aprobou unha nova modificación de créditos de 42.
PP Samos de pé no pleno
6 Out 2023

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia “o gasto desorbitado do goberno bipartito en cuestión de tres meses” trala celebración dunha reunión da Comisión de Contas na que se aprobou unha nova modificación de créditos de 42.000 euros.

Os concelleiros do PP pregúntanse “como é posible que a alcaldesa diga que non hai fondos no Concello se en 100 días de goberno non deixa de gastar cartos” e “aínda non sabemos en que se invisten”.

O goberno local de Samos, pola súa parte, di que "lle sorprende" que Miguel Gallego diga que non saben en que se invisten os cartos, cando na Comisión de Contas "déuselle acceso previo a toda a documentación sobre a modificación de crédito, ademais de explicarse de novo na propia comisión, na que el non preguntou nada, nin comentou nada ao respecto, só se limitou a absterse na votacion".

Ademais, sostén que a modificación de crédito á que se refire o Partido Popular "fíxose para pagar a aportación municipal ao plan de mellora de camiños municipais de 14.443,81 euros, a aportación municipal relativa ao control de calidade das obras incluídas no plan de mellora de camiños municipais por valor de 336,92 euros, a aportación municipal ao convenio con Triacastela para o sostemento do posto de traballadora social de 2.000 euros, tamén houbo que pagar 25.000 euros en gastos de subministro eléctrico, e a reparación do marcador do pavillón de deportes custou de 338,80 euros, o que fixo un total de 42.119,53 euros".

"Como se pode ver, as modificacións de crédito fanse para atender gastos que non estaban no orzamento feito ao comezar o ano ou non se presupostou partida suficiente. E repito, a documentación que se leva a comisión de contas, cólgase días antes para que a revisen os asistentes a dita comisión de contas", sentenciou a alcaldesa.

0.18431997299194