O PP de Samos avoga pola limpeza e conservación do río Sarria

SarriaXa
Membros do Partido Popular do concello de Samos avogan pola limpeza e conservación do río Sarria para evitar que os arbustos danen o mosteiro
Samos portavoz PP
15 sep 2022

Membros do partido popular instan a Julio Gallego Moure, alcalde do municipio, a xestionar coa Confederación Hidrográfica a limpeza do río Sarria para evitar que os arbustos danen a parede do mosteiro.

Segundo afirman, “os gobernos locais non só teñen que asumir as competencias que lles son propias, en cada caso, para a conservación e promoción do patrimonio histórico e cultural, teñen tamén a obriga de permanecer vixiantes e solicitar a intervención dos organismos competentes cando, dentro do territorio dos seus respectivos municipios, consideren que é preciso para a conservación e a posta en valor de bens patrimoniais, sobre os que non teñen competencia directa. En Samos, a maleza, sinaladamente os arbustos que medran na parede do mosteiro, no río Sarria, poden chegar a ser unha ameaza para estabilidade do muro”. Así o entende o portavoz popular, José Fernández, que unha vez máis insta ao alcalde, o socialista Julio Gallego, a facer as xestións necesarias na Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que proceda a limpar o río e liberar a parede dos mosteiro dos arbustos que medran nela.

José Fernández sinala: “se Samos é coñecido por algo é polo seu mosteiro. É obriga do alcalde coidar de que todo o que ten que ver co mosteiro estea nas mellores condicións posibles. E a limpeza do río é fundamental tanto para a imaxe do conxunto como para previr incidencias relacionadas coa seguridade do edificio”.

O portavoz popular afirma que “no PP levamos tempo reclamado medidas como as que agora expoñemos. Non é un capricho. Para Samos, o patrimonio histórico e monumental é imprescindible para a súa economía, e, polo tanto, o concello ten a obriga de facer todo o que estea nas súas mans para a súa conservación. O alcalde e o presidente da Confederación Hidrográfica militan no mesmo partido, polo tanto dou por suposto que hai entre eles bo entendemento. Pois é hora de que o demostren e de que a Confederación limpe o río debidamente ao seu paso por Samos e moi especialmente á altura do mosteiro”.

0.11244511604309