O PP de Samos carga contra o bipartito por subir taxas e esquecer ás traballadoras da residencia

O portavoz do Partido Popular de Samos, Miguel Gallego, cualificou de “auténtico desastre” a xestión do actual executivo local, formado por BNG e PSOE, ao que acusa de “empobrecer os servizos municipais mentres carga os custos sobre a veciñanza”. Segundo asegurou, nos dous últimos anos o goberno bipartito aplicou importantes subas en distintas taxas municipais: “incrementaron un 50% as tarifas da piscina e un 80% o prezo do Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia; mesmo engadiron 200 euros ao mes aos usuarios da residencia municipal”, denunciou.
Gallego criticou tamén a falta de recoñecemento ao persoal que traballa na residencia de maiores. “Non prevén ningunha retribución especial por noites, fins de semana ou festivos. Desde o PP presentamos unha iniciativa para regularizar esa situación segundo a normativa vixente, pero foi rexeitada por BNG e PSOE”, apuntou. O popular considera “inxusto e incoherente” que “quen se di defensor dos dereitos laborais, vote en contra de aplicar o Estatuto dos Traballadores a estas profesionais que fan quendas moi complicadas e concilian como poden”.
Desde a formación popular tamén se lamenta que o orzamento aprobado para 2025, con 1,3 millóns de euros, non inclúa practicamente fondos para investimentos. “É escandaloso que só haxa 25 euros destinados a obras e mantemento das estradas. É un insulto aos veciños e unha mostra clara do desinterese polo benestar do municipio”, advertiu Gallego, quen acusa o bipartito de “intentar tapar estes datos coa súa habitual estratexia de culpar á Xunta de todo”.