O PP de Samos critica a suba de prezo do SAF e a alcaldesa lembra que non se modificou a ordenanza

SarriaXa
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, considera que “o Servizo de Axuda no Fogar de competencia municipal vai camiño do desastre polo abandono por parte do goberno bipartito”.
24 Mar 2024

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, considera que “o Servizo de Axuda no Fogar de competencia municipal vai camiño do desastre polo abandono por parte do goberno bipartito”.

O popular faise eco das queixas que moitos veciños están trasladando ao Concello “porque se duplicou o prezo; pero non se lles dá o servizo completo. Os propios usuarios dinnos que uns días veñen e outros non, segundo lles cadra; pero pagar temos que pagar igual a suba mes a mes, porque nin caso nos fan”.

Ademais, “dende hai 8 meses non se está concedendo ningunha hora a novos usuarios. É máis, hai un montón de persoas coa valoración aprobada, pero ás que  o Concello non lles asigna horas de servizo”.

Os concelleiros do Partido Popular pedirán no próximo pleno que a alcaldesa e a concelleira de asuntos sociais expliquen “por que este servizo tan primordial para xente maior de Samos está completamente abandonado e non se conceden máis horas”.

Resposta do Goberno local

A alcaldesa samanense, Chus López, responde de novo dicindo que non se fixo ningún cambio no prezo nin taxa de pago no Servizo de Atención no Fogar.

Así, din que a suba que están experimentando os veciños é debido á porcentaxe que estableceu a Xunta e nalgún caso tamén pode deberse a que algún usuario tivera algún "cambio no prezo a cobrar se lle cambiou substancialmente o patrimonio”, explican.

"Non modificamos ningunha ordenanza, a carta que lle chega á xente xa o di claramente que a suba é pola "actualización da súa capacidade económica", insiste a rexedora.

0.14525294303894