O PP de Samos critica a xestión do Concello e o Goberno local acusa aos populares de faltar á verdade

SarriaXa
Respecto ás críticas sobre o uso da maquinaria municipal, desde o Goberno local argumentan que se actúa con criterios de necesidade
Concello-de-Samos
25 Apr 2025

O voceiro do Partido Popular en Samos, Miguel Gallego, criticou ao Goberno local ao advertir da existencia de facturas do exercicio anterior sen pagar por un importe que, segundo asegura, ascende aos 60.000 euros.

Gallego puxo en dúbida o destino dos fondos municipais. “Desde a oposición non entendemos en que se gasta o diñeiro. As poucas obras que se fan veñen subvencionadas, os servizos sociais son pésimos, a maquinaria está parada e nin sequera se pagan facturas de 6,50 euros”, afirmou. O representante do PP engadiu que están “esperando a ver a quen culpa a alcaldesa do seu desgoberno”.

Pola súa banda, o Goberno local rexeita de maneira categórica as acusacións e asegura que non existen facturas impagadas, senón que algunhas se contabilizarán no exercicio 2025 por chegar fóra do prazo de peche contable de 2024. “Todo iso é mentira. Está pagado. Pero se as facturas chegan fóra do ano, contabilízanse no seguinte. É un procedemento contable que se segue en todos os concellos e alleo ao equipo de goberno”.

En relación á denuncia sobre a suposta falta de transparencia nos acordos da xunta de goberno, o executivo municipal asegura que “é totalmente falso” que se estean ocultando documentos. “Hai acordos deste ano que xa ten a oposición. O noso traballo remata cando se aproban e se envían desde Secretaría. É ofensivo para os traballadores do Concello dicir o contrario”, defenden, subliñando que os funcionarios están a cumprir coa súa labor.

Respecto ás críticas sobre o uso da maquinaria municipal, desde o Goberno local argumentan que se actúa con criterios de necesidade: “Non sacamos a máquina quitaneves cando non hai neve, nin desbrozamos cando non toca. Ninguén empeza a desbrozar antes de maio. Agora estamos traballando cando e onde fai falta”.

⚙ Configurar cookies
0.14736485481262