O PP de Samos critica a xestión que fai o Goberno local no centro de maiores

SarriaXa
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, critica a “desastrosa xestión que está a facer o equipo de Goberno no centro de maiores” e condena que “as melloras que prometeran na campaña electoral consisten en aumentar o número de usuarios cun exclusivo afán recadador, pero que o número de traballadoras siga a ser o mesmo”.
24 Xan 2024

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, critica a “desastrosa xestión que está a facer o equipo de Goberno no centro de maiores” e condena que “as melloras que prometeran na campaña electoral consisten en aumentar o número de usuarios cun exclusivo afán recadador, pero que o número de traballadoras siga a ser o mesmo”.

Gallego sostén que algunhas traballadoras teñen xornada reducida ou están de baixa e non se cubre o servizo porque a empresa que proporcionaba o persoal "deixou de facelo porque o concelleiro de Cultura e Deportes decidiu que non se lle pagaba e ante os impagos do Concello, a empresa parou de dar o servizo”, di.

Así, explica que "non se dan cuberto as vacantes ou as traballadoras actuais fan dobre quenda ou son os propios concelleiros os que van atender aos maiores”, engade.

Ante esta situación que consideran “esperpéntica”, os concelleiros do Grupo Municipal Popular preguntarán no vindeiro pleno “se os concelleiros teñen a titulación e cualificación requirida para traballar e atender as persoas do centro de maiores”.

Gallego subliña que “esta situación caótica provoca as numerosas queixas en calado dos maiores, que viron como se reducía a cantidade de comida e a calidade”. “E a todo isto súmanse outros exemplos de mala xestión por parte deste goberno que lles dixo que tiñan que ir á hora de forma altruísta para producir alimentos para autoconsumo e os recortes que lles fixeron en calefacción, ata que o Grupo Municipal Popular trasladou as queixas”.

Contestación desde o Goberno local

Pola súa parte, a alcaldesa de Samos, Chus López, sostén que "están todos os postos cubertos e os maiores ben atendidos". Ademais, engade que dende que gobernan, "non contratamos unha empresa externa para cubrir baixas nin vacacións nas vivendas comunitarias, polo que están moi mal informados ou minten conscientemente e con mala intención", sostivo.

0.15031003952026