O PP de Samos critica o estado "selvático" das aldeas, mentres que o Goberno leva semanas traballando nelas
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia “o estado selvático no que se atopan as aldeas do noso concello, xa que este equipo de goberno non se volveu ocupar delas dende fai un ano”, sostén, a pesar de que o Goberno actual non leva no cargo nin un ano, xa que as eleccións municipais celebráronse en maio, pero non se tomou a posesión do cargo ata xuño, e tendo en conta que o anterior alcalde, Julio Gallego, pai do actual voceiro popular, deixou o Concello con numerosas deficiencias, como sosteñen os veciños.
Gallego subliña que “a situación é tan lamentable que non se dá pasado incluso na zonas próximas ás casas” e argumenta que “os veciños xa din se haberá que volver á época do gadaño e da fouce porque este Goberno municipal ten todo abandonado á súa sorte”.
As palabras de Gallego contrastan coas doutros veciños e veciñas do municipio, que agradecen o labor que se está a facer desde o Goberno local desde que chegou o seu mandato, xa que se están arranxando, pouco a pouco e cos fondos cos que contan, diferentes estradas, viais e accesos a núcleos de poboación, como o acceso a Castrocán, do que informou o Goberno local recentemente.
Porén, o popular insiste en comparar o seu Concello con outros, dicindo que “moitos concellos iniciaron as rozas hai máis de 15 días, mentres que en Samos non sabemos para que quere o Goberno local a maquinaria se se atopa parada no garaxe”. E engade que “a situación é tan grave que a maioría das aldeas se está despoboando polo abandono por parte deste equipo de goberno".
A alcaldesa, Chus López, sostén que desde hai semanas que se está a traballar con tractores desbrozando e quitando a maleza dos distintos puntos do municipio, polo que as fotos que presenta o PP poden ser dun lugar polo que aínda non pasaran as máquinas.
Ademais, o despoboamento no rural non é unha causa vencellada a un Goberno local concreto, é algo que está a pasar en toda Galicia e en España; e os movementos de poboación son procesos lentos, tal e como indican os xeógrafos, polo que de culpar a alguén dese "despoboamento acelerado", habería que apuntar ao anterior rexedor.