O PP de Samos critica que o custo da Cea Anual de Hostalería fora pagada polo Concello

SarriaXa
A rexedora, Chus López, explica que a Cea Anual de Hostalería é un acto no que ela e un concelleiro foron en representación do Concello de Samos ao igual que outras figuras da política comarcal
Miguel-Gallego,-PP-Samos
1 Ago 2024

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, advirte que “a alcaldesa, María Jesús López e o concelleiro de Cultura José Manuel Préstamo lle cargan ao Concello unha factura de 170 euros por dous menús dunha cea”, a correspondente á Cea Anual de Hostalería da comarca de Sarria, celebrada no mes de febreiro.

O popular considera “totalmente escandaloso o uso de fondos públicos neste tipo de actividades cando os membros do Goberno xa cobran dietas a final de ano”.

Así, din que a cea foi en febreiro, pero “pasan a factura agora en xullo” e a oposición “entérase desta factura pola documentación que levan ao pleno deste mes porque non facilitaron antes esa información”. Polo tanto, o voceiro do PP condena a “falta de transparencia” e sinala que “o bipartito incumpre sistematicamente a lei” neste sentido.

O Grupo Municipal do Partido Popular pedirá que se devolva ese diñeiro ás arcas municipais e que “a alcaldesa empece a pagar as festas do seu propio peto, que para iso cobra”, conclúe o portavoz.

Pola súa parte, a alcaldesa de Samos, Chus López, sostén que a Cea Anual de Hostalería da comarca de Sarria é "un acto institucional no que imos en representación do Concello de Samos". É máis, alude a que foron ela, como alcaldesa de Samos, e o concelleiro Préstamo, "non fomos coa nosa familia persoal, como é o caso do anterior alcalde e pai de Miguel Gallego, Julio Gallego, que foi a unha desas ceas coa súa muller", defende a rexedora.

Ademais, explica que desde a organización da cea se lle pediu ao Goberno local de Samos algún tipo de contribución para aportar á organización de dita cea e desde o Goberno local, tendo en conta os recursos dos que dispón, se decidiu pagar a cea das dúas persoas participantes, que representan ao Concello en dita cea, cos fondos do Concello, "como unha dieta máis e como unha forma de contribución á Cea Anual de Hostalería por parte do Concello de Samos", explica.

Así, a rexedora destaca que non só estiveron presentes eles, tamén estiveron representantes dos diferentes partidos políticos do Concello de Sarria, a alcaldesa de Triacastela, e moitos máis cargos representativos da política da comarca de Sarria, "xa que é un acto interesante de cara a mellorar as relacións e conseguir cousas boas para o municipio", conclúe.

 

0.16547989845276