O PP de Samos critica a suba de prezo do SAF e o Goberno responde que non se fixeron cambios
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia que “as melloras que tiña previstas a alcaldesa para o SAF que depende do Concello sexan pagar máis polo mesmo”. Así o manifesta o popular tras ter coñecemento de que os veciños que son usuarios deste servizo estean recibindo nas súas casas unha carta onde se lles comunica a suba do prezo por hora de servizo de axuda no fogar.
Porén, desde o Goberno local explícase que desde o Concello non se fixo ningún cambio no prezo nin taxa de pago, a porcentaxe de suba correspóndelle á Xunta, así como "nalgún caso, a algún usuario púidolle cambiar o prezo a cobrar se lle cambiou substancialmente o patrimonio", explican.
Pero o PP insiste en que “é unha suba esaxerada, que contrasta co servizo que subvenciona a Xunta de Galicia, o de atención a dependentes, que mantén o mesmo prezo. O prezo por hora na maioría dos casos duplicouse e noutros, incluso, supera o dobre", denuncia.
Dende o PP de Samos entenden “o descontento e preocupación veciños” porque “lles supón facer un gran desembolso monetario, cando moitos deles son persoas con ingresos limitados, o que vai repercutir en moitos casos na redución de horas ou en que teñan que deixar de recibir o servizo porque non o poden pagar”.
Ademais, Miguel Gallego explica que “hai unhas 12 persoas que levan case un ano esperando para que se lles concedan horas deste servizo e que foron reclamar ao Concello, pero a concelleira de asuntos sociais desenténdese do caso”.