O PP de Samos denuncia a suba de impostos no Concello
A Corporación municipal de Samos acolleu un pleno extraordinario no que o equipo de goberno levou unha modificación de crédito para facer fronte aos gastos comúns de luz, de servizos sociais e dos recibos de Sogama.
Desde o PP, o seu voceiro Miguel Gallego, denuncia que “o BNG hipoteca o Concello e sobe impostos aos veciños”. Gallego explica que “o recibo da recollida do lixo subirá un 16%, pero non atopamos ningún tipo de mellora na súa recollida. Ben ao contrario: contedores a reverter como se ve nas aldeas, sucios e nin hai recollida de voluminosos como prometeron porta a porta, nin nada de nada. Iso si, o recibo vaise subir sen ter en conta que esta ordenanza se vai aplicar sobre un contrato que se atopa caducado dende hai máis dun ano”.
Pola súa parte, a alcaldesa Chus López sostén que hai que facer fronte á suba do custo de servizo de recollida do lixo de Sogama porque "é así e subiu en todos os concellos". É máis, a propia alcaldesa, do BNG, xa participara nunha reunión xunto con representantes nacionalistas da provincia de Lugo para rexeitar a suba do canon de Sogama, e impulsada pola Xunta, gobernada polo Partido Popular ao que pertence Miguel Gallego.
Porén, o popular incide en que “outros concellos asócianse entre varios co obxectivo de reducir o prezo do servizo da recollida do lixo, mentres tanto en Samos vaise por libre". Así, lembra que a suba é de 108.000 euros “o que nos parece esaxerado".
Con todo, López insiste: "A lei nos obriga a recadar diñeiro para pagar este servizo. Non é subir por subir".