O PP de Samos denuncia unha situación que deriva da xestión de Julio Gallego
O Partido Popular de Samos denuncia que “o Concello tivo que pagar unha multa de 10.000 euros por non cumprir as ratios de traballo no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.
Pola súa parte, a alcaldesa Chus López desminte a información dos populares, sostendo que non foron 10.000 euros, senón 5.000 euros e, “ao pagar a multa nun prazo estimado, pagamos arredor de 2.000 euros”.
Ademais, indica que esta situación veu derivada da xestión do anterior Goberno local, con Julio Gallego, xa que houbo unha inspección e primeiro aviso en 2020, de novo en 2021 e en 2023, tres días despois de que a alcaldesa tomara posesión, foi a terceira inspección, que derivou na multa. “Julio Gallego e a concelleira Marisol Orille teñen a responsabilidade da situación”, explicou a rexedora, quen lembrou que tamén foron multados os concellos de Triacastela, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro na provincia de Lugo.
O portavoz, Miguel Gallego, sostivo, ademais, que “é a segunda vez que o Concello ten que pagar unha multa por isto mesmo neste mandato”, algo que a alcaldesa nega.
Por outra parte, Gallego asegurou que “sabían que se ía a asistenta social e nin se molestaron en sacar a praza a concurso”. Pero a alcaldesa di que “é mentira, sacamos a praza a concurso e hai un exame a semana que ven. O proceso selectivo leva un tempo”, sostivo.
Finalmente, o popular denunciou que “o centro de maiores estivo máis de 15 días sen calefacción, sendo os días máis fríos do ano”. Ao que a rexedora contestou que “si, houbo un problema de calefacción en todo o edificio, non só afectou ás vivendas comunitarias, pero non foron 15 días e os maiores non pasaron frío, xa que puxemos calefactores para os maiores”, concluíu.