O PP de Samos pedirá en pleno o arranxo inminente da estrada LU-P-5601

SarriaXa
O Partido Popular de Samos pedirá en pleno o arranxo inminente da estrada provincial LU-P-5601, que parte de Aira Padrón cara ao Courel.
26 Abr 2021

O Partido Popular de Samos pedirá en pleno o arranxo inminente da estrada provincial LU-P-5601, que parte de Aira Padrón cara ao Courel. Os populares decidiron levar este asunto á sesión plenaria do Concello porque esta vía se atopa nun estado moi deficitario, constituíndo deste xeito un grave risco para os usuarios da mesma. 

Este foi un dos principais asuntos que o popular lle trasladou á presidenta provincial, Elena Candia, na reunión que mantiveron, co fin de analizar a situación política local e de establecer novas liñas de colaboración que redunde no beneficio dos veciños.

Cabe destacar, ademais, que por ela transcorre unha das principais rutas escolares do municipio, “polo que esta circunstancia é un condicionante relevante para pedir o seu acondicionamento”, segundo avanzou o voceiro José Fernández.

“Estamos a falar dunha estrada terceiromundista”, afirmou Fernández. Trátase da vía que pasa polas localidades de Chelo, Outonín, Castro e Gundriz. Precisamente, o treito que vai de Outonín a Gundriz é o que se atopa en peor estado. “Está cheo de baches e fochancas que dificultan o tráfico rodado e son un auténtico perigo dende o punto de vista da seguridade vial”, explicou o popular.

Neste senso, os populares agardan obter o apoio unánime da Corporación, de xeito que “sexamos unha medida de presión para que a Deputación arranxe esta estrada”.

Preto de 9 millóns de inversión da Xunta

Elena Candia valorou positivamente a iniciativa dos populares de Samos e púxose a disposición da agrupación municipal para achegar as súas propostas ás institucións. A este respecto, e en contraposición da falta de xestión doutras administracións, expuxo a vontade colaboradora da Xunta de Galicia, administración que, nos últimos tres anos, leva achegados a este municipio máis de 8,7 millóns, a través de distintos programas como o Aprol Rural, os Plans Marco e de Mellora, as axudas da PAC, etc.

0.19704699516296