O PP de Samos pide melloras nas estradas LU-P 5603 e LU-P 5601
O PP demanda a pavimentación con aglomerado en quente de senllos tramos en Samos das estradas LU-P 5603 e LU-P 5601, a substitución dos sinais ilexibles e a instalación de garda-raíis.
"Moitas das estradas da rede da Deputación provincial están en mal estado e teñen unha sinalización escasa e deficiente", así dixo o grupo provincial do PP, cando a petición dos veciños revisou o estado no que se atopan as vías. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, recorreu “as estradas provinciais do concello de Samos, a petición do portavoz do portavoz municipal do PP e deputado provincial, José Fernández, e temos que denunciar moitas deficiencias, tanto na sinalización, como pola falta de elementos de seguridade e o mal estado do pavimento nalgúns tramos”.
Castiñeira explica: “En Aira Padrón, nun cruce importante de estradas provinciais neste concello, a sinalización está totalmente borrada, ou emborronada, de tal maneira que é imposible saber que é o que indica. Leva tempo así e os veciños demandan que se corrixa o antes posible. Este mesmo problema dáse en numerosos puntos da rede de estradas provinciais no concello de Samos”.
A falta de medidas de seguridade para evitar saídas de vía en puntos especialmente perigosos é unha carencia xeralizada na rede de estradas provinciais. O portavoz popular explica: “No caso da LU-P 5603, que vai de Samos ao Courel, os veciños piden a instalación de garda-raíis, biondas, nos bordes da estrada, alí onde hai grandes desniveis, especialmente onde é frecuente que en inverno haxa xeo”. Os veciños tamén piden que se remate a pavimentación en aglomerado en quente, como xa ten unha parte desta vía
Con respecto á LU-P 5601, os veciños de Samos demandan que, entre Chelo e a Cruz de San Xoán, esta estrada sexa pavimentada con aglomerado en quente. O actual pavimento está en mal estado, pese a que recentemente se taparon algunhas fochancas.
Castiñeira anuncia que no próximo pleno os populares solicitarán que a Deputación repare as deficiencias indicadas nas citadas vías.