O PP de Samos pídelle ao concello que numere os edificios da Avenida de Compostela
José Fernández, portavoz do PP no Concello de Samos, defenderá unha moción na próxima sesión plenaria para que a corporación encargue un informe técnico que determine como levar a cabo a revisión, renovación e regularización da numeración dos edificios da Avenida de Compostela, e, á vista do mesmo, executar os traballos necesarios para tal fin.
Fernández sinala que "a correcta identificación dos predios urbanos, mediante a correspondente numeración, constitúe unha cuestión de capital importancia a múltiples efectos". Considera que na Avenida de Compostela, na vila de Samos, a numeración dos edificios, e tamén a dos terreos sen edificar que dan fronte a esta rúa, "é un caos total, polo menos nunha das marxes".
A vista da actual situación, entende que "é preciso acometer a necesaria reordenación, de modo que siga a normal correlación; deste xeito, evitaranse moitos problemas tanto no presente como no futuro", explicou.
O portavoz popular toma prestadas as palabras recollidas nunha das ordenanzas municipais en vigor en España, para indicar que coa adecuada numeración "dáse seguridade e axilidade na localización de inmobles no termo municipal, o cal serve para múltiples actos da vida cidadá".