O PP de Samos quéixase pola instalación dunha máquina expendedora e o goberno local sostén que cumpre a normativa
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia a colocación dunha máquina expendedora de bebidas "azucradas, estimulantes e incluso cervexas, aínda que sexan 0,0 % de alcol, no pavillón de deportes que usan os nenos e nenas do colexio". Así, acusa á alcaldesa de saltarse a lei unha vez máis, xa que "prohibe poñer este tipo de bebidas ao alcance de menores de 16 anos e non ten en conta para nada a protección e o fomento de hábitos saudables dos menores”.
Ademais, os populares lamentan que “a pesar de fachendear de actitude dialogante; o bipartito non escoite o desacordo de moitos pais e nais coa instalación desta expendedora ao considerar que fomenta o consumo destas bebidas e o gasto monetario nos máis pequenos”. De feito, segundo as súas familias, os nenos e nenas “piden cartos na casa para meter na máquina”.
O Grupo Municipal do PP pedirá o expediente de instalación desta máquina e esixirá ao concelleiro responsable de Deportes “que nos explique onde van os fondos recadados e que se fixo con eles”. De feito, os veciños e veciñas aseguran que xa estivo instalada nos vestiarios da piscina todo o verán. Así mesmo, o Grupo Municipal Popular poñerá esta situación en coñecemento da xefatura territorial de Educación.
Contestación do Goberno local
Pola súa parte, desde o Goberno local sosteñen que a instalación desta máquina expendedora foi solicitada polos usuarios da piscina e logo tamén foi pedida polo equipo Samos Fútbol Sala para o pavillón para poder tomar algo fresco despois dos partidos.
Ademais, afirman que esta máquina foi instalada cumprindo todas as normativas e que o pavillón está pechado, e só se accede a el para os partidos de fútbol e para algunhas clases de ximnasia do colexio. Ademais, non só hai bebidas enerxéticas, hai sobre todo, auga.