O PP de Sarria acusa ao alcalde de faltar á verdade e de entorpecer a xestión municipal

SarriaXa
“O Concello acumula case tres anos de atraso en facilitar a documentación necesaria para desbloquear este asunto pendente”, concluíron
Grupo-Municipal-PP-Sarria
4 Feb 2025

A voceira do Partido Popular en Sarria, Carmen José López, advertiu que no último pleno quedou en evidencia a “práctica habitual de Garrido de faltar á verdade e culpar a terceiros”.

O rexedor viuse obrigado a retirar a súa proposta de incrementar as taxas do matadoiro municipal, xa que se puxo de manifesto que, en realidade, non remitira a documentación requirida pola Consellería de Medio Rural para concretar o respaldo da Xunta a este servizo.

López destacou que “toda a responsabilidade recae sobre o alcalde e, por extensión, no seu equipo de goberno, que incumpre reiteradamente os compromisos adquiridos”.

Desde o Partido Popular lamentan a “actitude obstrucionista” do alcalde, afirmando que esta postura está a prexudicar o funcionamento do Concello. “Parece que o seu interese está máis en enfrontarse á Xunta que en buscar solucións e formalizar os apoios ofrecidos por outras administracións”, engadiu a popular.

López insistiu en que, unha vez máis, Garrido intentou enganar aos veciños de Sarria asegurando que presentara unha documentación que nunca chegou a entregar. “Era un orzamento esencial, pois permitía calcular os investimentos necesarios para o matadoiro. Sen esa información, é inviable avanzar no compromiso de apoio”, explicou.

O PP tamén lembrou que este é o mesmo escenario que se dá coa situación das antigas vivendas dos mestres. Segundo denuncian, o Concello non atendeu ningún dos reiterados requirimentos da Xunta para entregar a documentación necesaria que permitiría desafectar os inmobles e cumprir co acordo plenario de construír alí o primeiro parque cuberto de Sarria.

“O Concello acumula case tres anos de atraso en facilitar a documentación necesaria para desbloquear este asunto pendente”, concluíron.

0.070050954818726