O PP de Sarria advirte dun “burato” de máis de 175.000 euros no matadoiro municipal e esixe explicacións

O Grupo Municipal Popular de Sarria expresou a súa “seria preocupación” polas novas informacións que seguen saíndo á luz no marco das dilixencias previas abertas sobre a xestión do matadoiro municipal.
Segundo datos coñecidos a través dos medios no contexto destas investigacións, entre outubro de 2019 e xuño de 2023 acumuláronse preto de 1.880 albarás sen cobrar, por un importe que supera os 175.000 euros, unha cifra que para os populares evidencia unha prolongada desorganización e unha alarmante falta de control por parte do Goberno local sobre un servizo que depende directamente do Concello.
O PP lembra que “moitos dos usuarios aseguran que pagaron eses recibos”, o que leva ao partido a reclamar que se aclare que pasou cos cartos que non aparecen nas contas e por que existe ese “burato económico” na contabilidade do matadoiro.
Este asunto xa fora abordado na comisión de investigación impulsada polos grupos da oposición, pero que foi clausurada de forma unilateral polo alcalde. Porén, a información que agora transcende a través do procedemento penal en curso confirma, segundo os populares, diante da xustiza, unha xestión “caótica” do servizo.
Desde o PP consideran “inaceptable” que durante anos non se puxeran en marcha mecanismos de control interno, supervisión ou seguimento dos cobros, a pesar de que, segundo indican, os técnicos municipais xa advertiran da necesidade de implantar sistemas seguros para garantir a recadación.
O grupo lembra que leva tempo reclamando o cumprimento da legalidade no funcionamento do Concello e que reiteradas advertencias por parte da intervención, tesourería e secretaría municipal foron ignoradas, especialmente no caso dos cobros en metálico realizados no matadoiro.
A portavoz do PP en Sarria, Carmen José López, demanda que o goberno local dea explicacións públicas e tome “medidas inmediatas” para garantir que os fondos municipais se xestionen con rigor. “Sarria precisa un goberno que actúe con seriedade, responsabilidade e eficacia na xestión dos servizos públicos”, concluíu.