O PP de Sarria alerta da “grave situación económica” do Concello

O Partido Popular de Sarria cualifica de “moi preocupante” a situación económica do Concello e considera que as recentes declaracións do alcalde confirman “os peores presaxios” sobre a xestión municipal.
Segundo explican, tanto o seu grupo político como os servizos técnicos municipais viñan advertindo “desde hai tempo” das consecuencias dunha administración “baseada en previsións de ingresos irreais”.
Os populares sinalan que o contexto actual “non é unha sorpresa”, senón “a consecuencia directa dunha xestión pouco dilixente”, que ignorou “os principios de prudencia financeira”. Critican que o goberno local “gastase baseándose en estimacións que non se axustaban á realidade” e lembran que o recoñecemento dun incumprimento da estabilidade orzamentaria por valor de 1,5 millóns de euros “sitúa ao Concello nun escenario moi grave, coa ameaza dunha posible tutela do Ministerio de Facenda”.
Desde o PP amosan tamén preocupación polas repercusións desta situación sobre os servizos municipais. Como exemplo, mencionan o matadoiro, “cuxa continuidade xa se pon en dúbida”, e lembran que a obriga do Concello é “garantir este servizo fundamental para o sector primario cunha xestión eficiente e transparente”, algo que, segundo denuncian, “non existiu”, especialmente tras coñecerse “un burato nas contas de arredor de 200.000 euros actualmente xudicializado”.
“O Partido Popular de Sarria observa este panorama con máxima inquietude e fai un chamamento á reflexión”, sinalan. Reclaman que a xestión municipal “se basee no rigor e na realidade, e non en previsións infladas que conducen a crises como a actual”.
Finalmente, lamentan que o alcalde recoñeza agora “un incumprimento da estabilidade orzamentaria de máis de 1,5 millóns de euros en 2024”, o que cualifican de “consecuencia directa dunha política de gasto sen control e da falta de diálogo e negociación para aplicar medidas correctoras a tempo”. Engaden que “non é aceptable escudarse nun contexto político complexo cando o principal problema foi a ausencia de vontade para escoitar e acadar acordos”.