O PP de Sarria considera “inaceptable” que o matadoiro municipal continúe pechado
Os concelleiros do PP de Sarria consideran “inaceptable” que o servizo do matadoiro municipal continúe pechado “máis dun mes despois dunha suposta avaría que o goberno local non foi capaz de solucionar”. E máis tendo en conta “o importante prexuízo que o peche está a ocasionar aos usuarios que se ven na obriga de desprazarse a outros matadoiros”, segundo advirten os populares.
O Grupo do Partido Popular expón que “ou ben estamos ante unha xestión pésima, ou ben é unha mera escusa para xustificar o peche do servizo, algo que xa deslizou o rexedor en varias ocasións”. En calquera dos casos, os populares cren que “a situación require que a concelleira responsable e o propio alcalde dean a cara para dar as explicacións necesarias en lugar de botar balóns fóra”.
A portavoz popular, Carmen José López, condena que “continuemos sen unha previsión seria en relación á recuperación da actividade” o que “pon de manifesto de novo a incapacidade para facer funcionar un servizo que pode ser perfectamente viable”.
“Esta situación, sumada ao burato de 200.000 euros nas arcas públicas de diñeiro do matadoiro, evidencian unha desastrosa xestión do matadoiro municipal por parte deste goberno local”, sinalan dende o PP.
Xusto antes de destaparse o burato de 200.000 euros, o goberno de Camiña Sarria xa intentara desfacerse do servizo do matadoiro ao principio do mandato. “Con esta suspensión confírmase o desinterese do goberno local respecto do servizo”, conclúen.