O PP de Sarria critica que a recollida de lixo leva cinco anos sen contrato

O Grupo Municipal Popular de Sarria denunciou que este mes de agosto se cumpriron cinco anos desde o vencemento do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, sen que o goberno local tivera capacidade de aprobar un novo prego de condicións. Segundo os populares, a situación afecta de xeito directo á calidade de vida dos veciños e á imaxe de Sarria, especialmente como vila de paso do Camiño de Santiago.
“O máis urxente é poñer fin a esta problemática. Levamos anos solicitando actuacións para mellorar unha situación que os cidadáns denuncian a diario. Trátase dunha demanda xeneralizada”, aseguraron desde o PP, subliñando que a limpeza e a salubridade son esenciais para gozar dun pobo saudable e coidado, á altura da súa condición de vila de referencia.
A precariedade do servizo reflíctese no día a día: falta de contedores, moitos deles deteriorados ou con mecanismos estragados, insuficiencia de recursos para manter as rúas limpas e cheiros cada vez máis evidentes nalgúns puntos. Ademais, esta situación tamén afecta aos empregados do servizo, que contan con menos medios materiais e humanos para cubrir unha necesidade crecente.
O PP lembra que presentou varias propostas no Pleno municipal solicitando unha actuación inmediata e urxe ao Concello a priorizar a tramitación dun novo contrato, que inclúa melloras como a modernización da maquinaria, reforzo da limpeza viaria e un sistema máis eficiente de recollida selectiva. “Cinco anos son máis que suficientes para redactar pregos, licitar e adxudicar un servizo que permita que Sarria recupere unha imaxe limpa e coidada”, concluíron.